A escultura achada no río Sar será trasladada ao Museo das Peregrinacións

Atopouna un pescador nun treito con pouco caudal situado na parroquia de Conxo
EajHlhsXYAE0OLF
photo_camera A escultura achada no rio Sar. APATRIGAL

A figura dunha virxe de estilo gótico achada sobre o leito do río Sar, ao seu paso pola cidade de Santiago de Compostela, será trasladada ao longo deste luns ao Museo das Peregrinacións e de Santiago, onde será depositada e estudada en profundidade para determinar o seu valor patrimonial.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañados por responsables da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Aptrigal) e do responsable do achado, supervisaron o comezo do traballo de recuperación dunha talla de vulto redondo que representa unha Virxe sedente con anxos.

O conselleiro puxo en valor a “dilixencia e precisión” coa que está a actuar Patrimonio para trasladar "con integridade” a peza despois de que o fin de semana un pescador achase a figura mentres practicaba pesca deportiva, tras o que avisou a Apatrigal.

A peza atopábase no leito do río Sar, nun treito con pouco caudal situado na parroquia de Conxo.

Segundo informa a Xunta, provisionalmente os especialistas consultados explican que a obra, realizada en granito, podería encadrarse no estilo gótico galego.

A escultura representa a unha virxe entronizada co Neno. A ambas as bandas da virxe, nos seus ombreiros, xorden dous anxos e, aínda que están bastante desgastados, aprécianse o rostro e a man de cada un deles suxeitando algún obxecto ou o propio manto da Virxe.

Os investigadores sinalan que se pode tratar dunha talla suspendida, que se situaría embutida nunha parede, quedando na súa práctica totalidade ao aire.

Obsérvase que tanto a cara da Virxe como a cabeza do neno desapareceron. Probablemente, sosteñen, por un impacto antigo tendo en conta o desgaste dos bordos das arestas da rotura feito co obxecto de desacralizar a peza. 

Comentarios