Errejón lamenta en Santiago que as primarias do PP sexan unha "competición a ver quen é máis ultra"

A xuízo do secretario de Análise Estratéxica e Cambio Político de Podemos o que necesitan os populares é "renovación" e non instalarse na "crispación" continua

Errejón. AEP
photo_camera Errejón. AEP

O secretario de Análise Estratéxica e Cambio Político de Podemos, Íñigo Errejón, lamentou este venres que o proceso de primarias para elixir o novo líder do PP se teña convertido nunha "competición a ver quen é máis ultra". En declaracións efectuadas minutos antes de comezar unha conferencia en Santiago de Compostela, considerou que o que necesitan os populares é "renovación" e non instalarse na "crispación" continua.

Por iso, censurou o feito de que os candidatos á sucesión de Mariano Rajoy se encerellaran nunha "competición a ver quen retrocede máis ao século XIX ou ao século XVIII", no canto de dar solución aos perentorios, na súa opinión, problemas do partido coa corrupción. Ao seu xuízo, a principal pregunta que deben responder os aspirantes ao liderado do PP é como van evitar que se repitan os casos de corrupción no seu partido, xa que son os que causaron a actual brecha interna por mor da sentenza do caso Gürtel.

Deste xeito, o tamén deputado por Podemos no Congreso comentou as declaracións dunha das candidatas, a exministra de Defensa María Dolores de Cospedal, que propuña ilegalizar os partidos "separatistas" por actuar con fins ilícitos. "Coa sentenza da Gürtel aínda coleando sería coidadoso ao falar de partidos políticos que perseguen ilícitos", sostivo Errejón, que engadiu que esta sentenza mostra que o PP é "unha organización que delinquiu" non só en casos illados, senón "en comunidades autónomas enteiras" e "a nivel de toda España". 

Comentarios