Culpables de asasinato os catro acusados do crime do condutor de Verín

Un xurado popular declarou esta tarde culpables de asasinato os catro acusados da morte do condutor de Verín, Bernardino Pousa, que apareceu degolado en setembro de 2011, nunha nave, onde acudiu tras terminar o seu servizo no autobús.

Os catro acusados, a súa esposa Dolores A., filla, María Ángeles P., Alberto V. e un sicario de Chaves, Portugal, que contratara o noivo foron declarados culpables dun delito de asasinato, con penas que oscilan entre os 17 e 22 anos, ao entender as partes acusatorias que concorrían circunstancias agravantes.

A Fiscalía ratificou a súa solicitude das condenas, en concreto 22 anos para Ilidio M. como autor material dos feitos, 17 anos para Alberto V., e vinte anos para Dolores A. e Ángeles P. como inductoras do crime.

Tras case día e medio de deliberacións -comezaron onte sobre as 18:00 horas e concluíron á primeira hora desta tarde- os integrantes do xurado consideraron probados "por unanimidade" nove dos 28 puntos obxectos de veredicto.

Pola súa banda, as defensas solicitaron as penas mínimas para os catro implicados en base a que "non concorren as circunstancias agravantes" solicitadas polas partes acusadoras, segundo avanzaron á saída da Audiencia Provincial de Ourense.

En concreto, o xurado considerou probado que Alberto V. -como el mesmo confesou- proporcionou ao sicario portugués "os datos necesarios para que aquel puidese identificar e localizar a Bernardino, tras consultalo coas outras dúas acusadas".

Tras os feitos, Ilidio "contactou con Alberto para que o afastase do lugar na súa furgoneta", deixándoo nunha caseta mentres "el foi a falar con María Ángeles P.".

No que respecta á confesión de Alberto V., nunha das súas declaracións, o xurado considerou probado a súa colaboración, aínda que descartaron que se produciu por ''arrepentimento", como constaba nese punto.

Non consideraron probada a tese que sostivo a defensa de Ilidio M. no xuízo a suposta drogadicción desta persoa, que supuña unha atenuante. Ademais, quedaron varios puntos fóra do obxecto da votación.

A fiscal ratificou a solicitude de prisión de 22 anos e seis meses para o autor dos feitos, 20 anos para a esposa e filla por agravante de parentesco e 17 anos para o noivo da filla, xunto á imposibilidade de residir en Verín durante un mínimo de 27 anos e de achegarse á familia da vítima, en concreto dous netos do falecido e un irmán.

En concepto de responsabilidade civil solicitou 45.000 euros para o irmán da vítima e 20.000 para cada neto.

As acusacións que se adheriron á parte penal, modificaron a responsabilidade, que a defensa do irmán elevou a 80.000 euros para el e dez mil para a empresa Autocares Guerra.

Pola súa banda, as defensas dos catro acusados solicitaron as penas mínimas por este delito, tras advertir de que non concorren os agravantes solicitadas polas partes acusatorias. Ademais, a defensa de Alberto V. solicitou "liberdade provisional" ao cumprirse dous anos da prisión provisional á espera de presentar un posible recurso.

A vista polo crime do condutor de autobús de Verín, ocorrido o 11 de setembro de 2011, quedou onte vista para sentenza tras tres días de xuízo, polo que pasaron máis de vinte testemuñas e día e medio de deliberacións.

Durante o xuízo, tanto Ministerio Fiscal e a acusación mantiveron as súas posicións de partida, relativas ás malas relacións entre a parella derivadas da petición de divorcio exposta pola vítima e as desavinzas na repartición de bens. Mentres, as defensas dos acusados centráronse na falta de probas polo que puxeron en dúbida algunhas conclusións da investigación.

Para o avogado da esposa, "non hai probas" determinantes polo que cualificou a investigación da Garda Civil dun "castelo de naipes" onde "non ten nada que incrimine a Dolores A. a pesar das escoitas, os micros" ata a declaración de Alberto V.

A avogada do sicario, Ilidio M.R., fixo fincapé en que "hai moitos fallos neste puzzle" algo que non convenceu o xurado popular, que declarou o veredicto de culpabilidade.

Comentarios