En Marea tende a man ao PSOE para esixir xuntos que se investigue Angrois

Os socialistas culminan o seu cambio de postura pedindo no Congreso unha comisión de investigación e o PP acúsaos de dar "bandazos"
La diputada de En Marea Yolanda Díaz
photo_camera La diputada de En Marea Yolanda Díaz

Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso, celebra o cambio de postura do PSOE ao solicitar este mércores na Cámara baixa unha comisión de investigación sobre o accidente do Alvia e non descarta que en setembro se poida levar a cabo unha actuación conxunta. Díaz recordou en declaracións aos xornalistas que a proposta que a súa formación fixo no seu día non saíu adiante polo voto contrario de populares e socialistas. Pero deixou claro que os protagonistas son os familiares das vítimas. "Ademais, estamos moi preto do día 24, día en que transcorreron os feitos", salientou.

Explicou tamén que cando En Marea intentou que esta iniciativa fose presentada de xeito conxunto, na tarde deste martes, finalmente o PSOE comunicoulle que querían presentala eles sós. "Respectámolo moitísimo e estou segura de que de aquí en diante imos cooperar e a traballar xuntos sobre todo no fundamental: depurar as responsabilidades fosen quen fosen os executores das mesmas, fóra do partidismo político e sobre todo chegando ao elemento central que pide a asociación, que é que exista transparencia, reparación e xustiza", recalcou.

En Marea non descarta que en setembro se poida facer unha actuación conxunta. "Quizais a actuación conxunta o que fai é gañar forza e solvencia sobre todo para intentar atraer ao PP a esta causa", indicou Díaz.

O BNG tacha de "vergoñosa" a petición comisión de Angrois do PSOE en Congreso


Ao seu xuízo, "sería saudable que nunha democracia o PP viñese a esta cuestión e fose posible sacar adiante esta necesaria comisión de investigación logo do que dixeron os tribunais e sobre todo a Comisión Europea". Na súa opinión, a plataforma de afectados merece este acto conxunto que dependerá, segundo dixo, do que decida o PSOE. Asegurou que En Marea non fai partidismo e defendeu demostrar que sempre estivo coas vítimas. "Todo o que contribúa a esclarecer a verdade do acontecido, En Marea vaino apoiar", concluíu.

SOCIALISTAS. E é que o PSOE formalizou este mércores o seu cambio de postura sobre o accidente ferroviario de Angrois rexistrando no Congreso un escrito co que pide crear unha comisión de investigación para depurar responsabilidades políticas por ese sinistro que hai catro anos cobrou a vida de 80 mortos e deixou 144 feridos.  A cinco días do cuarto aniversario dese fatal suceso, o PSOE tamén presentou unha proposición non de lei instando o Goberno a reabrir a comisión de investigación técnica para substituír o informe que no seu día elaborou a CIAF (organismo colexiado do Ministerio de Fomento). Aquel texto foi duramente criticado pola Axencia Ferroviaria Europea e é que só identificou o exceso de velocidade e o maquinista como causantes da traxedia.

PARTIDO POPULAR. O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, acusou pola súa banda ao PSOE de dar "bandazos ideolóxicos" en relación á investigación política do accidente, á vez que defendeu que esta comisión teña lugar "unha vez que conclúa o proceso xudicial" para "non interferir". "Xa non nos sorprende o cambio de opinión do novo PSOE do señor Pedro Sánchez, inmerso en constantes bandazos ideolóxicos e cohibido ante Podemos", dixo Tellado, que acusou aos socialistas de "dicir unha cousa pola mañá e outra pola tarde" en cuestións como a catalá.

Tellado: "Non tolero que se diga que o PP non apoia aos familiares do Alvia"

A única "incógnita" para os populares en relación a esta cuestión é "saber canto tempo van manter a nova postura con respecto a Angrois", dada a "incoherencia" do Partido Socialista "durante estes meses", que foi "clara e evidente". 

En canto á postura do PP, Miguel Tellado dixo que os populares son "partidarios de facer unha investigación unha vez que se conclúa o proceso xudicial" e non "mesturalo todo". "Nós cremos que o que non hai que facer é interferir no proceso xudicial que está en marcha e que o lugar para facer esa investigación, de facerse, é o Congreso dos Deputados", subliñou o secretario xeral dos populares galegos, que reiterou o apoio da formación ás vítimas e os seus familiares "Non acepto que se diga que nós non apoiamos aos familiares das vítimas, porque o noso respaldo estivo desde o minuto un", resolveu.

BLOQUE. Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, abordou o durante unha visita ao IES Rosalía de Castro, en Santiago, que o PSOE presente en solitario ante o Congreso unha petición de comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, un xesto que entende como "vergoñoso". "Se os tres partidos da oposición rexistrásemos unha petición conxunta ante o Parlamento de Galicia para constituír unha comisión de investigación, agora mesmo xa estaría creada", asegurou Pontón, que preferiría "que a noticia de hoxe fose que esa comisión xa é unha realidade".

Comentarios