Unha empresa de Caldas logra patentar estropallos e esponxas con "ADN galego"

Ibérica de Esponjas Vegetales busca ofrecer produtos máis ecolóxicos a partir da luffa ► Prevé producila en serie en 2022 e sumar entre 50 e 100 postos de traballo
Juan Carlos Mascato, director técnico de Ibérica de Esponjas Vegetales. EP
photo_camera Juan Carlos Mascato, director técnico de Ibérica de Esponjas Vegetales. EP

Esponxas de fibra natural con denominación de orixe de Caldas de Reis. Isto é o que ofrece Ibérica de Esponjas Vegetales, unha empresa sita no concello pontevedrés e que acaba de conseguir a patente na Unión Europea para o "ADN galego" que desenvolveu da luffa, coa que pretenden ofrecer produtos máis ecolóxicos que permiten reducir a vertedura de microplásticos á auga.

Luffa"A maioría de esponxas e estropallos están feitos con materiais sintéticos. Co uso, vanse desgastando e rompendo en anacos que pasan polo desaugadoiro e convértense en microplásticos que acaban no mar. Por iso pensamos en obter fibras vexetais para a substitución dos plásticos nestes produtos", explica nun comunicado Juan Carlos Mascato, director técnico desta firma "pioneira" na fabricación de esponxas vexetais de uso cosmético e estropallos de cociña ecolóxicos a partir desta planta orixinaria do sueste asiático e pertencente á familia das cucurbitáceas —como a cabaza, o melón ou o pepino—.

Na actualidade, Ibérica de Esponjas Vegetales conta xa coa patente en China e Canadá e está pendente de obtela en EE UU para esta variante xenética propia que lles permite obter "unha planta moi produtiva, de gran tamaño", que produce fibra con distintos graos de intensidade, adaptándoa ao seu uso incluso sobre peles sensibles ou cunha enfermidade cutánea.

A compañía prevé producila en serie por primeira vez en 2022 nunhas instalacións que conta con ter ampliadas "a mediados do vindeiro ano", incrementando "entre 50 e 100" os postos de traballo da empresa a fin de atender unha demanda "repartida polos cinco continentes". A firma, que ten plantacións en Galicia, en Portugal, Colombia e Exipto, ensaia ademais cultivos "arredor do mundo, desde América do Sur a África central".

Comentarios