Catro empregadas duns grandes almacéns cualifican o seu antigo xefe de "depredador"

photo_camera Xulgados de Santiago. ARQUIVO

Catro extraballadoras duns grandes almacéns de Santiago aseguraron este mércores que o que fora o seu xefe de planta ata 2017 someteunas a "tocamentos" e proposicións "soeces" e dedicoulles frases e xestos sexuais. El negou taxativamente as acusacións. 

O xulgado de instrución 1 de Santiago acolleu este mércores a vista que xorde da denuncia dunha das catro empregadas por suposto acoso sexual e laboral, un proceso que, tras recorrer ao protocolo interno da empresa, derivou no despedimento do exxefe. Agora, a denunciante, Isabel Fraga, leva tamén o caso á vía penal. 

Fraga afirmou que os avances do home consistían en palabras e xestos sexuais, en vídeos porno que lle mostraba a soas, tocamentos e propostas de relacións. Chegou a pedir a baixa "porque a situación era insoportable", dixo. Outras tres mulleres confirmaron este mércores que a elas lles ocorreu o mesmo e cualificárono de depredador "sexual". Unha, segundo asegurou, sufriuno incluso embarazada. 

O acusado, en cambio, vinculou a denuncia a un conflito laboral polas "comisións" de venda e á influencia dun traballador despedido en 2015. 

Outras catro empregadas negaron que con elas mostrase esta actitude e definírono como "unha persoa esixente" e un xefe "excelente".