O TSXG anula os orzamentos do Concello de Verín de 2009 por non negociar con CIG

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso de apelación interposto pola CIG e anulou os orzamentos do Concello de Verín de 2009 por ''violar'' esta administración a negociación colectiva para o funcionariado coa Confederación Intersindical Galega (CIG).

O fallo condena á institución local a acometer "unha negociación real" coa representación sindical", segundo comunicado difundido este xoves pola CIG.

Segundo explica o sindicato, o TSXG declarou o orzamento de 2009 "nulo de pleno dereito" por non negociarse o convenio e impón á institución o pago das costas do proceso que ascenden a 1.000 "euros".

"A CIG, sindicato maioritario no Concello de Verín, leva desde 2007 intentando renegociar os convenios colectivos (vencidos) do persoal laboral e funcionario", explica o sindicato, e acusa o alcalde dese municipio, Juan Manuel Jiménez Morán, de levar "desde esa data, negándose a negociar, montando todo tipo de paripés formais para que pareza que hai negociación, sen negociar nada".

Segundo a central sindical, os traballadores do concello e os veciños están "a pagar as consecuencias desa actitude", que consideraron "obstrucionista", ao non permitir a negociación colectiva.

Comentarios