O TSXG admite a trámite o recurso do PSdeG contra a fusión de Oza-Cesuras

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado polo PSdeG contra a fusión dos concellos coruñeses de Oza dos Ríos e Cesuras, informaron hoxe fontes da citada formación.

O PSdeG denunciou o proceso, autorizada definitivamente pola Xunta en xuño pasado, por considerar que o expediente de fusión requiría a súa aprobación por maioría cualificada de dous terzos en ambas as corporacións municipais, como esixe a lei galega de administración local, o que faría necesario o apoio de polo menos un edil da oposición en Cesuras.

A fusión foi aprobada por maioría co único apoio do PPdeG en ambos os concellos amparándose na lei de bases da Administración local que en 2003 rebaixou a súa esixencia para a aprobación da unión voluntaria de municipios dos dous terzos á maioría absoluta.

Os socialistas insistiron en que a lexislación galega "non contradí" a lei básica estatal senón que a desenvolve" e recordaron que o PP, con maioría no Parlamento galego, "podería despexar completamente calquera dúbida sobre a legalidade do proceso simplemente modificando a lei autonómica".

O PSdeG manifesta na nota o seu apoio ás fusións municipais "sempre que están sexan voluntarias, non impostas como neste caso".

Este non é o único recurso presentado contra a fusión, xa que a formación Independentes por Cesuras, anteriormente adscrita ao BNG, impugnou tamén o proceso.

A fusión de Oza dos Ríos e Cesuras estivo envolvido de polémica pola contestación cidadá, encabezada polos grupos da oposición, PSdeG e Independentes por Cesuras, especialmente tras coñecerse que un dos alcaldes que liderou o proceso, Julián Lucas, estaba condenado por un delito de estafa que o inhabilita para ser elixido para cargos públicos.

O novo Concello de Oza-Cesuras conta cunha poboación de case 5.500 habitantes e unha extensión duns 152 quilómetros cadrados.

Comentarios