O TSXG admite a demanda para que A Coruña recupere a estatua de Millán Astray

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu a trámite o recurso de apelación interposto pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña en defensa do acordo do pleno municipal que retiraba ao militar Millán Astray a distinción de fillo " predilecto" da cidade.

A decisión do alto tribunal, sinalou a CRMH nun comunicado, "demostra que si había bases xurídicas para presentar o recurso, contradicindo a decisión do goberno municipal", que rexeitou emprender accións xudiciais contra a sentenza que estimaba parcialmente a demanda da filla do militar e que obrigaba a restituír as súas distincións.

"O goberno municipal fixo gala dunha gran irresponsabilidade, tomando decisións políticas que só defenden hoxe os nostálxicos do franquismo"", asegurou a organización.

"O obxectivo do PP, que a CRMH impediu, queda moi claro ante a opinión pública: non presentaban recurso para que a sentenza gañe firmeza e poder así devolver a Millán Astray o título de fillo predilecto", engadiu.

O proceso continuará agora e tanto a CRMH como o Concello terán que "contestar o recurso presentado pola familia "contra a sentenza que consideraba axustada a dereito a decisión do pleno municipal de retirar o nome dunha praza e a unha estatua que existía fronte ao cuartel de Atocha".

Comentarios