O PSdeG reclama á Xunta que cumpra e amplíe a declaración BIC de Sargadelos

O PSdeG celebrou a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da fábrica de Sargadelos en Cervo, aínda que "chega con catro anos de atraso e só cumpre de forma parcial un acordo aprobado por unanimidade no Parlamento" a iniciativa dos socialistas. O Goberno galego aprobou onte un decreto polo que declara Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento a fábrica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas en Cervo (Lugo).

O portavoz de Cultura do PSdeG no Parlamento, Francisco Caamaño, asegura nun comunicado que o Goberno galego tiña un prazo de tres meses para o cumprimento dun trámite "que lle levou catro anos". "Ademais, o acordo incluía declarar BIC non só a fábrica de Cervo, senón tamén a do Laboratorio de Formas cerámicas e os complexos do Castro de Samoedo-Sada e o Museo Luis Seoane", afirma Caamaño, que urxe á Xunta "o cumprimento de modo íntegro canto antes" do acordo para impedir a perda dun patrimonio único.

O portavoz socialista sostén que a iniciativa parlamentaria presentada polo seu grupo "foi dos propios traballadores" e explica que o seu partido apoiounos desde o primeiro momento.

"Protexer a obra da fábrica de Sargadelos e o Laboratorio de Formas non só é honrar a memoria de Isaac Díaz Pardo e de tantos creadores que por alí pasaron, tamén é conservar e difundir unha forma de facer e de sentir Galicia", afirma Caamaño, que indica que a iniciativa parlamentaria foi "acordada no seu día tras unha reunión co propio Isaac Díaz Pardo".

Ademais, recorda que nos últimos anos o seu partido presentou varias iniciativas "no Parlamento e nas institucións ante a tardanza e a reiterada negativa do PP a ampliar o alcance desta declaración á cadea de produción e á galería da fábrica de cerámica".

Comentarios