O PSdeG pretende conseguir uns orzamentos ''realistas e executables''

Os deputados e senadores galegos do PSOE preparan as súas emendas aos Orzamentos Xerais do Estado (PXE) para facelos "realistas" e que se poidan executar este ano, sobre todo no que respecta aos investimentos para o tren de alta velocidade.

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, reuniuse hoxe en Santiago con estes doce representantes no Congreso e o Senado, entre os que se atopan os ex ministros José Blanco e Francisco Caamaño, para empezar a analizar estas emendas a uns orzamentos que cualificou de ''electorais".

Vázquez considerou que son unhas contas públicas feitas para que o Goberno galego poida dicir que as cifras son boas, a pesar de que despois os investimentos non poderán ser executadas este ano pola situación na que se atopan algunhas das infraestruturas. Sobre todo no caso das obras do AVE, para o que as partidas que hai nos PXE son "inexecutables" en case un 80 por cento, afirmou.

OS SOCIALISTAS VEN LÍMITES Á PLANIFICACIÓN POPULAR
Como exemplo citou a partida prevista para a liña do tren de alta velocidade Lubián-Ourense, duns 700 millóns de euros, da que este ano "será imposible executar máis de 200 millóns", asegurou.

En resposta a preguntas dos xornalistas, Vázquez tamén se referiu as declaracións de Xavier Trías, alcalde de Barcelona, sobre o AVE galego, nas que se mostraba contrario á construción desta infraestrutura. Para o líder dos socialistas galegos son "negativas e irreais". Por iso, instou ao PP a non apoiar este tipo de comportamentos, tras recordar que o aliado de CIU no Goberno catalán son os populares que lle está dando aire e cobertura a todo o que fai", considerou.

AS SÚAS EMENDAS CEÑIRANSE AO ORZAMENTO
Sobre as emendas dos socialistas galegos aos orzamentos, Vázquez asegurou que se farán cumprindo "estritamente" co límite de estabilidade orzamentaria e que a finais da semana que vén o partido xa disporá das cifras concretas que quere modificar.

De momento, os seus técnicos aínda as están estudando para "non caer na trampa" de pór partidas onde non se poden executar este ano, como considera que fixo o Goberno central. Tamén avanzou que presentarán emendas sobre o dique flotante para os estaleiros de Navantia na ría de Ferrol; a construción do Parador de Muxía; o acceso ao porto exterior da Coruña e a terceira rolda na cidade; así como para a autovía Santiago-Lugo e as principais depuradoras das cidades.

A parte das infraestruturas, Vázquez reprochou que en políticas sociais os PXE "recortan drasticamente" as actuacións que garanten a calidade de vida dos cidadáns, polo que as emendas socialistas faranse para que sexan de utilidade á sociedade. Quixo recordar, ademais que se lle retiran a Galicia 120 millóns en políticas activas de emprego, así como recortes para a Lei de Dependencia, o I+D+i, ou o desenvolvemento rural.

Comentarios