O PSdeG pide á Xunta que delimite as súas prioridades tras os recortes en infraestruturas na provincia

O deputado do PSdeG no Parlamento de Galicia, Pablo López Vidal, esixiu este luns  explicacións ao Goberno galego sobre cal vai ser o mapa de prioridades" da Xunta de Galicia en infraestruturas, tras os recortes anunciados nesta materia.

Durante unha rolda de prensa celebrada esta tarde en Ourense, xunto a Vitoria Morenza, deputada provincial do PSDEG en Ourense, e Antonio Fiuza, portavoz socialista no Concello da Peroxa, o deputado socialista subliñou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, debe dar explicacións de cales "son as prioridades e que criterios vanse a utilizar para confeccionar ese mapa". Segundo López Vidal, "ponse en perigo" obras que contan con convenio entre a Administración galega e os Concellos, como o caso da Peroxa.

Na súa intervención, López Vidal referiuse á situación desta estrada que vai comunicar os municipios ourensáns de Coles e A Peroxa coa N-525 en Gustei e a N-120 nos Peares, e asegurou que é "exemplo de irresponsabilidade política" na construción dunha vía de comunicación por parte da Xunta.

Cunha lonxitude de 10,5 quilómetros, e un orzamento de 2,8 millóns de euros, a obra, iniciada en 1996, atópase paralizada, e con terreos aínda por expropiar e á espera do proxecto técnico. Fronte a esta paralización, denuncia o anuncio realizado pola Xunta para a construción dunha ponte nos Peares, un "capricho de Feijoo", e cuxa construción está orzada en 2,6 millóns.

"A estrada é fundamental para a zona", engadiu o deputado socialista, quen resaltou a importancia de investir en gastos produtivos como é o caso das infraestruturas, que "implican reequilibrio territorial, articulación do territorio, principio de igualdade de oportunidades, seguridade viaria e sobre todo, xeración de postos de traballo".

Ante esta situación, o PSdeG presentou unha pregunta no Parlamento de Galicia para coñecer "cando se van a rematar devanditas obras, se esta obra vai padecer os recortes anunciados pola Xunta e que criterios están a utilizarse para escoller as estradas que se van a facer".

Pola súa banda, a deputada provincial, Vitoria Morenza, indicou que o partido tamén presentará outra pregunta na Deputación de Ourense para pedir explicacións sobre a situación da estrada ourensá, que tras nove meses da súa adxudicación "atópase paralizada e nun estado de execución mínimo".

Comentarios