O PSdeG denuncia 'numerosas irregularidades' na fusión Oza-Cesuras

O PSdeG denunciou "numerosas irregularidades" no proceso de fusión dos municipios de Oza-Cesuras. Por iso, os deputados socialistas Francisco Caamaño e José Luis Méndez Romeu presentaron unha pregunta á Xunta, na que resaltan, ademais, os "incumprimentos" rexistrados desde a fusión, en 2013, e demandan un balance por parte do Executivo.

Entre as irregularidades que denuncian, citan a dimisión do exalcalde de Cesuras Julián Lucas, "condenado por estafa"; o feito de que unha das primeiras medidas do novo executivo fose triplicar o soldo do alcalde ou as "reiteradas queixas" presentadas pola oposición ante o Valedor do Pobo por falta de transparencia" na xestión municipal.

Nun comunicado, os socialistas consideran que merece mención aparte o feito de que "na primeira contratación importante"· realizada pola comisión xestora que preside Pablo González Cacheiro, a talla de árbores no parque do Sanatorio Cesuras, se detectase un sobrecusto que, de media, ascende a un 45% e que chega ao 280% nalgunhas partidas, segundo a Asociación Forestal de Galicia.

Sobre este caso, denuncian tamén que se vendese a madeira á empresa familiar dun edil de Oza e membro da comisión xestora que, desde entón, non volveu asistir aos plenos.

Finalmente, resaltan que nestes dous anos "non se viron realizadas ningunha das actuacións administrativas, económicas e de investimentos para a mellora dos servizos públicos que foron reiteradamente comprometidas e anunciadas", polo que conclúen que esta fusión non é un exemplo a seguir.

Comentarios