O PSdeG denuncia o ''atraso'' da Xunta na convocatoria das axudas predoutorais

O PSdeG denunciou este sábado o atraso por parte da Xunta na convocatoria de axudas predoutorais, co que o Executivo galego "pon en perigo" a realización das teses dos mellores expedientes académicos de Galicia.

A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, censurou que os recortes do Goberno de Feijóo paralicen estas axudas, que actualmente se convocan en xullo, e que este ano "a mes de novembro" non foron presentadas.

Por iso, o PSdeG reclama a convocatoria "inmediata" destas bolsas, posto que os estudantes dispoñen dun prazo límite de tres anos para presentar as súas teses, polo que un atraso de tan só un ano pode "obrigar ao abandono do seu obxectivo", xa que dependen das achegas do Goberno galego, sinala o PSdeG nun comunicado.

Nese sentido, Burgo deplorou que o Goberno galego actúe con esta "desidia" fronte a posibilidades "e expectativas" de moitos mozos de Galicia que queren formarse en investigación.

A socialista apuntou que este parece un novo recorte ás universidades galegas, o cal demostra que o apoio de Feijóo á investigación "é en realidade mera propaganda".

Comentarios