O PSdeG avoga pola conxelación do canon de Sogama

O PSdeG rexistrou no Parlamento unha proposición lexislativa que trata de reformar a lei de residuos de Galicia, que suporía a conxelación do canon de Sogama, fronte a subida prevista do 34 por cento, así como cambios nos plans de tratamento do lixo.

O portavoz socialista na Cámara galega, José Luis Méndez Romeu, sinalou que a única proposta que partiu do Goberno ante o problema da subida da taxa foi un adiamento da súa entrada en vigor ata o verán.

Con todo, os concellos ven "totalmente insuficiente" esta medida e tamén reclaman que o incremento sexa graduado no tempo, xa que non ven razóns polas cales Sogama procure beneficios financeiros á conta da subida, polo que nestes momentos hai un "enorme distanciamento" nas posturas e non hai "ningún tipo de diálogo co mundo local".

José Luis Méndez insistiu en que o modelo de xestión do lixo que expón a Xunta é "insostible" mentres o plan de residuos non se cumpriu e aínda a día de hoxe baséase maioritariamente na incineración e os vertedoiros, co que cada vez "estamos máis afastados da tendencia comunitaria".

Tras sinalar que o pago do canon que pagan os municipios duplicouse en oito anos, apuntou que isto repercute nas familias, que están a asumir cada ano novos pagos por taxas, prezos públicos, medicamentos ou libros escolares.

"O modelo actual chegou ao seu límite, se queremos converxer con Europa é preciso impulsar a reutilización, a reciclaxe, a compostaxe, e dar participación aos Concellos", dixo.

O deputado socialista tamén argumentou que existen informes que sitúan o custo ambiental do tratamento do lixo en Galicia entre os máis elevados de España.

Ante esta situación e a "incapacidade" do Goberno galego, Méndez anunciou que o seu grupo rexistrou unha proposición de lei, que previsiblemente será debatida no próximo período de sesións, que trata de modificar puntualmente a lei de xestión de residuos.

Trátase de incluír entre os seus fins unha visión "global" do problema do tratamento e establecer un sistema máis rápido de revisión dos plans de residuos e, especialmente, para deseñar un sistema no que os municipios participen na definición do futuro canon, previa información financeira e ambiental.

A norma dos socialistas propón tamén a conxelación do canon á contía que ten este ano e que se elabore un novo plan de residuos, concluíu.

Comentarios