O presunto chantaxista do ex deán e de Thyssen xa fora detido por extorsión

Fernando Sieira Maneiro, encarcerado na prisión coruñesa de Teixeiro acusado de chantaxear o ex deán da Catedral de Santiago, José María Díaz, e a baronesa Thyssen, foi detido anteriormente en dúas ocasións por extorsión, unha delas en Madrid, informaron a Efe fontes da investigación.

A Dirección Xeral da Policía precisa que é autor de, polo menos, dous delitos de coaccións e ameazas condicionadas e que elexía aos seus obxectivos nos medios de comunicación, cunha presumible información de interese para a vítima en cuestión, á que ameazaba con facer pública a información ou con empregar a violencia física se non recibía unha recompensa, concreta o comunicado.

A súa estratexia é sempre a mesma, explicaron as fontes consultadas por Efe: busca unha vítima propicia -político, empresario ou sacerdote-, elabora un coidadoso relato ao que incorpora verdades e mentiras, explica que posúe un DVD comprometedor e reclama unha elevada cantidade de diñeiro, por encima dos 18.000 euros, a cambio de non desvelar supostos secretos que están no seu coñecemento e que son moi comprometedores, conta.

Os seus contactos son nun primeiro momento telefónicos, xa que obtiña os números buscando en internet ou preguntando directamente a persoas da contorna da vítima, e despois procuraba entrevistarse persoalmente con eles.

"É un vende motos, como se di coloquialmente", indicaron a Efe as mesmas fontes, que precisaron que sobre este home, que é natural de Noia aínda que coa súa residencia establecida na Coruña, pesan máis dunha decena de arrestos, e non só por tentativas de estafa, un deles, por exemplo, é por furto, en Tenerife, e outro por ameazas na Coruña.

Ante o maxistrado Vázquez Taín, Fernando Sieira negou estes dous supostos subornos, aínda que si recoñeceu conversacións súas e encontros tanto co ex deán como coa baronesa.

A denuncia do que estaba a suceder partiu hai só uns días da propia Catedral de Santiago, que indicou a imposibilidade de que Fernando Sieira "tivese absolutamente nada comprometido", extremo que confirmaron a Efe fontes do cabido catedralicio.

Comentarios