O PPdeG recorda que o decálogo é de aplicación voluntaria por universidades

O portavoz de Educación do Grupo Popular, Román Rodríguez, lamentou este xoves "a falta total de confianza na autonomía do sistema universitario" mostrada polo deputado socialista Xoaquín Fernández Leiceaga, e recordoulle que o decálogo de medidas de racionalización do gasto é de aplicación voluntaria por parte das universidades.

Fernández Leiceaga denunciou que a Xunta está "a aproveitar o verán" para "deixar no esqueleto" a universidade pública galega, "de costas" ao Parlamento autonómico, e recordou que ao decálogo de medidas de aforro da Xunta únese o recorte de I+D, "pondo en perigo novos proxectos de investigación".

Pola súa banda Rodríguez fixo público un comunicado no que sinala que o decálogo é unha iniciativa contemplada no Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia e que a súa aplicación é voluntaria para cada universidade en función dos seus recursos e posibilidades.

O deputado do PPdeG considera que a solicitude de comparecencia do conselleiro de Educación no Parlamento exposta polo PSdeG "chega, como a gran maioría das súas propostas, tarde", xa que o propio Jesús Vázquez ten rexistrada na Cámara unha petición de comparecencia, así como o secretario xeral de Universidades, para explicar o desenvolvemento do Plan de Financiamento do sistema universitario de Galicia.

"Os socialistas viven tan desnortados que se atreven a falar sobre a colaboración interinstitucional existente entre a Xunta de Galicia e as tres universidades galegas, ninguneando o acordo e o consenso unánime alcanzado entre todas as partes para aprobar un Plan de Financiamento Universitario", sinala o parlamentario do PPdeG.

Comentarios