domingo. 23.02.2020 |
El tiempo
domingo. 23.02.2020
El tiempo

A AVT compara a defensa do galego co amparo a ETA

fei_rajoy_dentro.jpg
fei_rajoy_dentro.jpg

O candidato do Partido Popular á presidencia do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, opina que impartir en galego as materias troncais supón "un empobrecemento" do sistema educativo. A número dous do partido, Corina Porro, arremete contra a actual conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, para recordarlle que "empezou a falar galego cando chegou á Xunta".

E o partido, por fin, pronunciouse sobre a polémica manifestación do colectivo Galicia Bilingüe contra o que consideran ''unha imposición'' do galego: "Nós apoiaremos a manifestación de Galicia Bilingüe? Si. É certo que o partido non se pronunciou como tal, en tanto non recibiu a comunicación, pero fomos advertidos de que imos recibir esa invitación".

Díxoo Feijoo ante os micros da Cadena Cope. Aínda que o 8 de febreiro, día da protesta de Galicia Bilingüe en Santiago, Núñez Feijóo estará en campaña en Buenos Aires, Porro confirmou a presenza na marcha de Alfonso Rueda e dela mesma.

''Piden algo elemental''
Alberto Núñez Feijóo recordou que el xa saíra á rúa con Galicia Bilingüe. "É unha asociación perfectamente constitucional e pide algo tan elemental como que , dada a dobre lingua que temos na comunidade, utilizalas indistintamente; é unha manifestación que está dentro das nosas formulacións lingüísticas e paréceme absolutamente razoable".

A estratexia de que a manifestación coincida na fin de semana previo ao pistoletazo de saída oficial na carreira cara á Xunta está a avivar o conflito lingüístico aínda máis. Ata o momento, tanto PP como UPyD fixeron da lingua unha arma arreboladiza, introducindo como elemento central do seu discurso de precampaña a promesa de derrogar a Lei de Normalización Lingüística.

Foi a primeira promesa electoral de Feijoo, xa no mes de outubro, e a líder de UPyD, Rosa Diez, repetiuna nunha entrevista. Agora, novos colectivos como a Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT), chegan a Galicia coas armas cargadas contra o galego. Consideran que a manifestación, fixada para o 8 de febreiro por Galicia Bilingüe, é "necesaria", e que "os nacionalismos excluíntes e arcaicos son un grave perigo para a liberdade, a coexistencia da pluralidade cultural e a convivencia entre diferentes".

''Radicais e extremistas''
Pero a valoración da manifestación que fai a AVT vai máis aló: comparan a defensa do galego co apoio á banda terrorista ETA. "Eses grupos radicais e extremistas, defensores da imposición lingüística e que queren eliminar o castelán da nosa contorna, son os mesmos que organizan actos a favor de terroristas e os mesmos que dan berros de apoio a organizacións mafiosas como ETA, ou vitorean a organizacións proetarras como SEGI e JARRAI".

"Quero que os meus fillos estuden na lingua que eu elixa". É a primeira demanda que figura no manifesto difundido por Galicia Bilingüe ante a convocatoria do próximo sábado.

De feito, a declaración de principios da asociación recolle que "cando nun territorio existen varias linguas oficiais, o seu ensino debe ser obrigatoria, como materia, nos correspondentes plans de estudo; pero de maneira que exista liberdade de elección por parte dos pais ou, se é o caso, dos alumnos respecto da lingua na que estes deben recibir o resto do ensino".

Non á división de nenos por idioma
Con todo, o artigo 13/3 da Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia, prohibe a segregación de nenos por idioma: "Os alumnos non poderán ser separados en centros diferentes por razón da lingua. Tamén se evitará, a non ser que con carácter excepcional as necesidades pedagóxicas así o aconsellasen, a separación en aulas diferentes".

Continuando coa entrevista de Núñez Feijoo na Cope, o popular aproveitou para expor as liñas fundamentais do programa do PP sobre a lingua no ensino. Recordou que, de gañar as eleccións, derrogará, nos cen primeiros días de Goberno, "o decreto do galego do Goberno socialista e nacionalista e non vai haber discusión respecto diso".

"Co decreto do galego ponse en risco o propio galego", dixo, sumándose a Feijóo, Corina Porro, quen aposta polo achegamento a Galicia Bilingüe. Para Porro, trátase dun "decreto de inmersión que provoca problemas de convivencia onde nunca os houbo".

Feijóo falou, para cualificar a política lingüística do bipartito, de "senda absurda" importada dos nacionalismos vasco e catalán, a pesar de que lle gustaría "que os nenos puidesen falar correctamente galego e castelán".

A AVT compara a defensa do galego co amparo a ETA
Comentarios