O PP lamenta as "ameazas" de Carmela Silva a Elena Muñoz

A presidenta da Deputación de Pontevedra aconsellou á popular ter "moito coidadiño co que di" sobre casos de corrupción
Carmela Silva y Elena Muñoz
photo_camera Carmela Silva y Elena Muñoz

A portavoz do PP no Concello de Vigo, Elena Muñoz, trasladou á tenente de alcalde da cidade e presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que "non é bo camiño o das ameazas e insultos". Fíxoo nunha rolda de prensa despois de que a primeira aconsellase á representante popular ter "moito cuidadito co que di" sobre casos de corrupción.

Silva realizou o mércores este comentario durante un acto no mercado do Progreso a conta da apertura de xuízo oral contra un funcionario municipal e contra o administrador da concesionaria Imesapi polo suposto "enchufe" da súa cuñada.

Elena Muñoz defendeu que o seu partido "pide algo tan sinxelo como explicacións ante estes feitos gravísimos" e censurou que Silva contestase a esta demanda "con insultos e ameazas". "Non está en condicións de dar leccións e parece que non quere que se fale dunha realidade que lle afecta a ela de xeito directo", manifestou.

A portavoz popular defendeu que o goberno local "ten moito que explicar e contar" en relación aos casos de corrupción e manifestou que "non pode mirar para outro lado", instando o equipo de goberno a asumir as súas "responsabilidades políticas". "As responsabilidades legais determinaraas a xustiza, pero as políticas apuntan ao alcalde e a ela -Carmela Silva-. Vanas asumir?", cuestionou.

Para rematar, reprobou que o "35% do goberno local estea a ser investigado en diferentes causas" xudiciais e, con respecto ás declaracións da tenente de alcalde, comentou que "ese estilo macarra non vai co PP".

ENCHUFE. Na mesma liña, o deputado provincial do Partido Popular, Luís Aragunde, censurou  as "ameazas" que están a recibir membros do PP por parte da presidenta da Deputación de Pontevedra, á que lle esixen "explicacións" polo suposto enchufe da súa cuñada no Concello de Vigo.

Comentarios