O portavoz do BNG de Xinzo reitera que hai irregularidades no censo

O portavoz do BNG no Concello ourensán de Xinzo de Limia, Amador Díaz, reiterou este luns a denuncia da súa formación sobre supostas irregularidades no censo municipal e reclamou unha "revisión".

Segundo os datos publicados este luns pola oficina do censo electoral, dependente do Instituto Nacional de Estadística (INE), os únicos municipios da provincia de Ourense onde se constatou un "incremento non xustificado de residentes" son Entrimo e Lobeira, non en Xinzo, como así denunciara o BNG.

Esta formación considera, con todo, que se inflou o censo e denunciouno ante a Fiscalía ao entregar documentación relativa ao presunto empadroamento irregular do ex delegado de Medio Ambiente Agustín Prado Verdeal.

O ex delegado de Medio Ambiente foi un dos sinalados de rexistrarse xunto a catro familiares nun censo que, segundo os datos do BNG, incrementouse en 122 persoas en decembro pasado.

Unha situación da que o alcalde, Antonio Pérez, do PPDEG é "cómplice", segundo Díaz, co obxectivo de gañar "os comicios", sinalou.

"A Policía debería revisar eses datos, pero en Xinzo parece ser que non recibiu a orde", indicou o representante do BNG e lamentou que esta situación non é exclusiva deste municipio, senón que se estende aos municipios limítrofes.

Apuntou que veciños doutras localidades próxima censáronse en Xinzo "a propósito dos alcaldes do PP".

O senador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza denunciou recentemente que "o caso de Xinzo é suficientemente claro e rotundo de que houbo unha alteración do censo electoral" e solicitou a apertura dunha investigación administrativa.

En Palas de Rei recoñécese "algunha situación rechamante"

O alcalde de Palas de Rei, Fernando Pensado (PP), informou este luns de que a investigación interna que iniciou o Concello por mor das queixas por supostas irregularidades no padrón permitiu detectar "algunha situación rechamante" no censo municipal, que haberá que "denunciar e corrixir".

Aínda que Pensado confía na investigación interna que puxo en marcha o Concello de Palas de Rei para detectar as irregularidades existentes no padrón, tamén quixo aclarar que será "practicamente imposible" que a autoridade competente poida corrixilas antes das eleccións municipais, que se celebran o 22 de maio.

En todo caso, Pensado opina que o aumento de residentes no municipio de Pas, onde o PSdeG-PSOE estivo a piques de arrebatarlle a maioría absoluta nas anteriores municipais, tamén está relacionado co desenvolvemento do polígono industrial da localidade, porque se asentaron empresas" e a xente que atopou un posto de traballo quedou a vivir no municipio.

Por outra banda, o alcalde recordou que nin el nin o goberno municipal poden "impedirlle a ninguén que se cense en Palas de Rei".

Datos do INE
A Oficina do Censo Electoral, dependente do Instituto Nacional de Estadística (INE), detectou que nos seis meses anteriores á convocatoria das eleccións locais rexistrouse un "incremento de residentes significativo e non xustificado" en 241 pequenos municipios, once deles galegos.

Sete destes municipios pertencen á provincia de Lugo (Palas de Rei, Bóveda, Folgoso do Courel, Negueira de Muñiz, Pol, Ribeira de Piquín e Riotorto), mentres que dous están na Coruña (Mañón e Santiso) e outros dous en Ourense (os xa mencionados, Lobeira e Entrimo).

Comentarios