O parricida de Moraña chega aos xulgados de Pontevedra

O presunto autor da morte das súas fillas de nove e catro anos en Moraña será xulgado esta semana
El parricida de Moraña llega al juzgado
photo_camera El parricida de Moraña llega al juzgado

David Oubel chegou este martes, sobre as 10 da mañá, á Audiencia de Pontevedra.

O presunto autor da morte das súas fillas de nove e catro anos en Moraña, que será xulgado esta semana na capital provincial, espera nos calabozos de Rosalía de Castro ao comezo do xuízo, que terá lugar en canto a sala confeccione o tribunal popular que se encargará de emitir o veredicto.

Oubel mostrou un aspecto moi cambiado tras dous anos en prisión.

PENAS. A Fiscalía e a acusación particular, esta última en representación da nai das dúas nenas, solicitan a pena de prisión permanente revisable e, segundo confirmou o fiscal Alejandro Pazos antes de entrar este martes na Audiencia "hai elementos suficientes para condenalo". "O que importa é o veredicto do xurado e este non se pronuncia sobre a pena", aclarou o fiscal, que confirmou que a nai das nenas non declarará neste xuízo porque "non o pediu ningunha das partes".

Ante a previsible estratexia da defensa do parricida, que na fase de instrución alegou que Oubel sufrira un "trastorno mental transitorio", que o faría inimputable por estes feitos, Pazos asegurou que "poden alegar moitas cousas e poderemos combatelas todas elas". A vista oral, que se celebrará durante os tres próximos días, comezará unha vez se seleccionen os integrantes do xurado popular que xulgará este caso.

Segundo a previsión facilitada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nesta primeira xornada declarará o acusado, David Oubel, e trece testemuñas, entre eles seis axentes da Garda Civil. Para este mércores están previstas as probas periciais, coa declaración duns quince expertos, e os informes forenses.

O crime produciuse no interior do domicilio de David Oubel, situado no lugar do Casal (Moraña), onde se atopaban as dúas irmás -Candela de nove anos e Amaia de catro- gozando do período de vacacións estivais que lle correspondían en virtude do acordo pola custodia alcanzado coa súa exmuller.

O fiscal conclúe no seu escrito de acusación que o acusado matou ás súas fillas con crueldade utilizando unha radial e, antes de facelo, drogounas "coa finalidade de evitar calquera posibilidade de defensa ou de fuxida das menores".

Comentarios