O Parlamento rexeita que os veciños de Ons pasen a ser propietarios

Os votos do Partido Popular impediron que prosperase no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei, presentada conxuntamente por PSdeG e BNG, para que os veciños da Illa de Ons deixen de ser concesionarios e pasen a ser propietarios das vivendas.

A iniciativa para que este tema chegase á Cámara lexislativa galega en forma de proposición non de lei foi adoptada de forma conxunta por socialistas e nacionalistas pero partiu do propio Concello de Bueu, que por unanimidade aprobou en pleno o pasado mes de novembro un acordo para tratar de modificar a Lei 5/2001, que establece o réxime xurídico de Ons segundo o sistema de concesións. Esta lexislación outorga aos veciños de Ons unha concesión sobre as súas propiedades por un prazo de 75 anos, tempo máximo permitido, e a posibilidade de que sexan herdadas polos seus descendentes.

''Máis problemas que solucións''
O deputado do PPdeG Daniel Varela, que defendeu o posicionamento do seu grupo parlamentario, sostivo que dito sistema concesional é a mellor solución que se lle puido dar aos veciños de Ons, de forma que se conxuga o interese xeral da illa, como zona de dominio público integrado no parque Nacional das Illas Atlánticas, e o dereito lexítimo e histórico dos veciños sobre as súas vivendas e terras.

Segundo Varela, a pretensión de converter en propietarios aos veciños de Ons carrexaría máis problemas xurídicos que solucións. "Non se trata de desaloxar, senón de aloxar legalmente", afirmou. Desde o punto de vista político, o parlamentario popular chamou a atención sobre o feito de que PSdeG e BNG trouxesen agora ao Parlamento devandita iniciativa cando non o fixeron durante a pasada lexislatura de Goberno conxunto. "Isto cheira a oportunismo político", aduciu o deputado aludindo á proximidade das eleccións municipais, e dixo que a proposta de socialistas e nacionalistas "busca réditos electorais".

BNG e PSdeG pretenden ''reparar erros''
Pola súa banda, o deputado do BNG Bieito Lobeira afirmou que "por coherencia, lealdade e xustiza" os veciños deben de deixar de ser concesionarios para pasar a ser propietarios, e defendeu a necesidade de acabar coa incerteza que pesa sobre as súas vivendas. O parlamentario nacionalista indicou que, coa consideración de concesionarios, os veciños de Ons teñen que soportar o pago dun canon que é inasumible para algúns deles.

A deputada socialista Carmen Gallego sinalou que a iniciativa conxunta do PSDEG e BNG o que pretende é "reparar os erros" da Lei 5/2001 ao considerar que as vivendas son parte do territorio do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Comentarios