O Parlamento aproba abonar parte da extra de 2013 aos funcionarios

A oposición reprocha á Xunta que atribúa a medida a unha melloría económica "cando o fan forzados por unha sentenza xudicial e pola proximidade das eleccións autonómicas"
El conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez
photo_camera El conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez

O Parlamento de Galicia aprobou este martes a devolución do complemento específico dos empregados públicos correspondente ao primeiro semestre do 2013 cos votos do PP e a abstención de todos os partidos da oposición, PSdeG, BNG, Age e grupo mixto. O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, defendeu o proxecto de lei pola vía de urxencia porque a "boa" marcha da economía permite destinar uns 25 millóns de euros a "blindar" a recuperación salarial dos traballadores da Administración, que recibirán, de media, uns 180 euros este ano.

A devolución beneficiará tanto ao persoal funcionario como ao persoal laboral, ao estatutario de sanidade, ao docente e non docente de ensino, ao da administración de xustiza e ao das entidades instrumentais do sector público autonómico. Tamén se estende ao persoal das universidades públicas e ao do ensino concertado.

"Este pago prodúcese nun momento no que os empregados públicos galegos están a completar a súa recuperación salarial", apuntou Martínez, quen recordou ademais que o Goberno galego xa ten aprobada a devolución da extra de decembro de 2012. "O 50% desa paga xa se abonou no 2015, e o resto está a devolverse entre abril e setembro deste ano", engadiu o conselleiro, para quen deste xeito quedan "cancelados" os axustes retributivos xerais aos empregados públicos.


Os traballadores da Administración recibirán, de media, uns 180 euros


Unha mensaxe que non calou na oposición. "Únicamente están a cumprir estritamente unha sentenza xudicial porque antes cometeron unha ilegalidade. É o menos que se podía esperar dun goberno que quere presumir de mellorar as condicións dos empregados públicos", reprochoulle a deputada do BNG, Tereixa Paz, ao conselleiro. Nesa liña, a portavoz do PSdeG insistiu en que o fan forzados" por un fallo xudicial e "pola proximidade das eleccións autonómicas", e con ela coincidiu o deputado de Age, Xabier Ron, para quen esta lei é un exemplo máis da "manipulación" que practica o Goberno de Alberto Núñez Feijóo.

"Quérennos vender esta lei como froito dunha melloría económica, e con todo somos a terceira comunidade cos salarios máis baixos", criticou a socialista Noela Branco, que acusou aos populares de non "crer" no emprego público. "O único que están a facer é un lavado de cara. Deixen de enganar aos cidadáns. Nós non cremos na palabra da dereita, queremos feitos", manifestou pola súa banda Ron, ao que o deputado popular Miguel Tellado, respondeu que "xa poucos lles cren, e aí están os máis de 60.000 votos que perderon nestas eleccións".

O proxecto de lei tamén compromete a recuperación a partir de xaneiro de 2017 do pago do 100% das pagas



Valeriano Martínez adiantou que a Xunta efectuará esta devolución "de oficio", evitando así que os traballadores teñan que presentar un recurso nin presentar unha declaración complementaria do IRPF do ano 2013 por percibir esta devolución.

O proxecto de lei foi acordado a principios de mes pola Consellería de Facenda e os sindicatos CSIF, UXT e CC OO —unicamente a CIG rexeitou a súa aprobación—, e tamén compromete a recuperación a partir de xaneiro de 2017, "un ano antes do previsto", do pago do 100% das pagas extra. 

Tellado defendeu o texto e lamentou que os partidos da oposición sigan instalados na "política do bloqueo", algo que, ao seu xuízo, está a levarlles a perder "o pulso da rúa". "Teñan un pouco de humildade e escoiten ao partido maioritario. Este castigo que recibiron nas urnas é porque a cidadanía non valora a ausencia de diálogo e castiga a prepotencia", denunciou Tellado, quen, tras ser cortado polos deputados de Age, afirmou que "isto non é Venezuela, aquí hai que respectar aos demais".

A oposición acusa á Xunta de "utilizar aos traballadores da función pública como moeda de cambio en época preelectoral"



"Escóiteme ou seguirán perdendo votos, señor Fajardo —deputado de Age—. Hai un ano nas eleccións municipais o Partido Popular recibiu unha chamada de atención e tomamos nota. Vostedes non aprenden e entre todos os partidos perderon nestas eleccións 100.000 votos", reiterou.

E despois de que a socialista Noela Branco mostrase unha foto dos traballadores da TVG para queixarse da "manipulación" informativa na televisión pública, Tellado reaccionou exhibindo outra na que os traballadores do concello de Ferrol, gobernado en coalición por Ferrol en Común e o PSdeG, reclamaban melloras salariais.

O conselleiro de Facenda explicou finalmente que o Goberno galego tamén incrementará o número de prazas de promoción interna na Ope de 2016, "a máis numerosa dos últimos sete anos", e aprobará a reposición de dous días libres de vacacións e de libre disposición. "Acábanos de vender unha película que nada ten que ver coa realidade. Nada diso está recollido nesta lei, é lamentable que se aproveiten desta Cámara para mentir e enganar á cidadanía", denunciou a portavoz do grupo mixto, Consolo Martínez.

Comentarios