O parricida de Moraña, primeiro condenado a prisión permanente

Tras coñecer a unanimidade do xurado, a xuíza non esperou a ditar sentenza e emitiu a condena ipso facto
David Oubel, en la Audiencia Provincial
photo_camera David Oubel, en la Audiencia Provincial

As nove persoas que integran o xurado popular declararon culpable a David Oubel da morte das súas dúas fillas.  A xuíza non esperou a ditar sentenza e emitiu a condena ipso facto: prisión permanente revisable e 300.000 euros de indemnización. Está condenado por dous delitos de asasinato con aleivosía cometidos sobre menores de 16 anos.

Tras pouco máis de hora e media de deliberacións, o xurado considerou acreditado que Oubel matou ás súas fillas Candela e Amaia, de nove e catro anos, usando unha serra radial eléctrica e un coitelo de cociña, e tras drogalas previamente para reducir as súas posibilidades de defensa.

O tribunal entende que o fixo, ademais, con aleivosía como demostran as dez veces que atacou á súa filla maior, á que non lle fixeron efecto os sedantes que obrigou a inxerir ás nenas, para evitar que se escapase.

As dúas menores, detallou o xurado, estaban "indefensas" e non tiveron posibilidade de defenderse.

O veredicto foi unánime.

O xuízo, que se celebrou na Audiencia de Pontevedra, estivo marcado pola confesión de David Oubel, que recoñeceu ante o tribunal que matara as súas fillas e que estaba "moi arrepentido", descartando ademais que sufrira algún tipo de trastorno mental.

Ante esta confesión, o seu avogado aceptou que o parricida confeso, tal e como solicitaban o fiscal e a acusación particular, sexa condenado á pena de prisión permanente revisable.

A maxistrada, ao existir esta conformidade, pronunciou a sentenza xa na propia sala, condenando a Oubel nos termos que reclamaba a Fiscalía.

Xunto coa prisión permanente revisable, o parricida non poderá achegarse a menos dun quilómetro da nai das nenas nin comunicarse con ela por un período de trinta anos e deberá indemnizala con 245.000 euros polo dobre asasinato. 

Comentarios