O xuízo polo roubo do Códice Calixtino será do 1 ao 19 de decembro

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña puxo data ao xuízo polo roubo do Códice Calixtino da Catedral de Santiago, unha vista que se celebrará do 1 ao 19 de decembro, informou hoxe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Máis de sesenta testemuñas e tres peritos, ademais dos tres imputados, o electricista Manuel Fernández Castiñeiras, autor confeso do roubo, a súa muller e o seu fillo, prestarán testemuño.

O Ministerio fiscal acusa a Fernández Castiñeiras de ser autor dun delito continuado de roubo con forza, un delito contra a intimidade, outro delito de roubo con forza e un delito de branqueo de capitais, polos que pide que sexa condenado a quince anos de prisión e a imposición dunha multa de 300.000 euros.

Para os outros dous imputados solicita un ano e medio de prisión e multa de 300.000 euros como autores dun delito de branqueo de capitais ou, alternativamente, seis meses de prisión se se lles considera culpables dun delito de receptación.

En canto á responsabilidade civil, solicita o Ministerio Público que o principal acusado indemnice á catedral de Santiago, onde prestou os seus servizos como autónomo durante anos, con máis de dous millóns de euros.

Comentarios