O xuízo dos acusados de bloquear a entrada dun gaseiro queda visto para sentenza

A xuíza da Sala do Penal número dous de Ferrol deixou hoxe visto para sentenza o xuízo contra oito mariscadores da Confraría de Ferrol polo peche da ría en 2007, co que trataban de impedir a entrada do primeiro gaseiro con destino planta de gas de Reganosa en Mugardos, que iniciaba a súa actividade en fase de probas o 7 de maio.

O xuízo comezou o pasado xoves e a segunda sesión retomouse esta mañá ás 10:00 horas coa declaración das testemuñas da defensa, entre o que figuraba Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida en Galicia ou a presidenta da Asociación de Vecinos de Mehá, a parroquia de Mugardos onde Reganosa ten situada a regasificadora galega.

A Fiscalía acusa os mariscadores de varios delictos de coaccións e desobediencia grave polos que solicitaba penas que oscilaban entre un ano e oito meses de prisión e tres anos e cinco meses de cárcere para o expatrón maior de Ferrol, Bernardo Bastida, ao que situaban como artífice das protestas.

O fiscal xefe expuxo hoxe unha rebaixa metade das penas que solicitara inicialmente para sete dos oito procesados, o que recorta a condena solicitada para Bastida a un ano e nove meses de prisión.

Un dos mariscadores procesados, que argumentara que por problemas familiares non acudiu ás protestas, quedou libre de cargos. Os membros do Comité Cidadán de Emerxencia que prestaron declaración asumiron a responsabilidade colectiva da convocatoria daquelas protestas.

Os feitos que se xulgan ocorreron os días 7, 9 e 29 de maio no medio dunha forte controversia social pola localización da regasificadora no interior da ría.

Os opositores a Reganosa formaron un cordón de pequenas embarcacións na bocana da ría que pechou o paso aos buques e o primeiro gaseiro Galicia Spirit, viuse forzado a atrasar a atracada dous días. A acción repetiuse o 29 con outro metanero.

Tras case cinco horas de vista, o xuízo quedou visto para sentenza na segunda sesión. Estaba previsto que continuase o mércores, pero xa non será necesario.

Comentarios