O xuíz Aláez retoma o luns os interrogatorios a testemuñas

O xuíz José Luis Aláez, que leva o caso do fatal accidente de ferrocarril do 24 de xullo en Santiago no que faleceron 79 persoas, retomará o luns as declaracións a testemuñas do sinistro.

Para o próximo día 19 están chamados a testificar ante o xulgado de instrución número tres de Santiago o garda de seguridade do tren sinistrado, así como o maquinista que fixo o traxecto anterior ao que se produciu o accidente e un operario de Renfe que viaxaba xunto ao interventor.

Ata o pasado día 9, en que se ofreceron os últimos datos polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, dezaseis familias de vítimas do fatal accidente figuraban como persoadas na causa, mentres que outras cinco presentaron denuncia.

Do total de persoados, seis corresponden a familias dos falecidos e outros dez a persoas que sufriron feridas no descarrilamento. Ademais, na causa tamén están persoadas desde o primeiro momento Adif, Renfe, e as aseguradoras Allianz e QBE.

As últimas testemuñas que declararon ante o xuíz foron tres axentes que acompañaron ao maquinista nos momentos posteriores ao accidente, o pasado día 9.

Anteriormente ao testemuño dos tres policías, tamén acudiron a declarar ante o xuíz Aláez os veciños do barrio de Angrois que auxiliaron ao maquinista e tamén do xefe de estación de Santiago.

Igualmente, pasou polo xulgado o interventor do tren que, segundo transcendeu, chegou a falar por teléfono co maquinista que guiaba o ferrocarril, Francisco José Garzón, ata instantes antes do descarrilamento.

Garzón, que xa compareceu ante o xuíz, atópase en liberdade con medidas cautelares e imputado por 79 homicidios por imprudencia.

Comentarios