O lume achégase ás casas en Sandiás e Cualedro

As chamas pon en alerta á provincia de Ourense e activan a 'situación 2' nestes núcleos. Actívase un grao menos de alerta na zona Verín-Viana
Varias personas ante las llamas del incendio forestal de Xunqueira de Ambía
photo_camera Varias personas ante las llamas del incendio forestal de Xunqueira de Ambía

Os incendios forestais rexistrados esta tarde nos concellos ourensáns de Sandiás e Cualedro, na provincia de Ourense, obrigaron a decretar "situación 2" por proximidade das chamas a núcleos de poboación.

Ademais, a Consellería de Medio Rural informou da activación da "situación 1" na zona Verín-Viana, de menor gravidade, e que se decreta ao haber "un ou varios incendios" que poden afectar gravemente a bens forestais ou levemente á poboación e bens de natureza non forestal, pola "alta actividade incendiaria".

Nun comunicado, fontes da Xunta lamentaron "a proliferación de varios incendios simultáneos" nesta provincia, en concreto, no distrito forestal XIV (Verín-Viana) o que obrigou a declarar a "situación 1" como medida operativa para reforzar a coordinación dos medios e o persoal antiincendios.

Este distrito comprende os concellos de Laza, Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Cualedro, Monterrei, Castrelo do Val, A Gudiña, A Mezquita, Oímbra, Verín, Vilardevós e Riós.

Nesta zona, a Xunta contabiliza catro incendios que superan as 20 hectáreas de superficie afectada, cada un. Trátase de dous lumes en Laza (parroquias de Castro de Laza e Camba), Monterrei (Rebordondo) e Cualedro (Xironda). Neste último foi preciso activar "Situación 2", pola súa proximidade a núcleos habitados.

Así mesmo, foi declarada "situación 2" noutro incendio -xa estabilizado- en Sandiás, pola súa proximidade a Coalloso.

En Cualedro, o incendio iniciouse ás 14:20 horas e permanece activo. Segundo estimacións provisións, supera as 20 hectáreas queimadas e no seu control traballan 5 axentes, 5 brigadas, unha motobomba e dous helicópteros.

Pola súa banda, o lume de Sandiás está estabilizado desde as seis da tarde tras queimar unhas quince hectáreas, aínda que permanece decretada a "Situación 2", como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Coalloso.

Este lume comezou ás 15:35 horas e no seu control traballan un técnico, un axente, nove brigadas, seis motobombas e dous helicópteros.

Tamén permanece activo desde as 16:58 horas un incendio que afecta o concello de Monterrei , parroquia de Rebordondo, e que, segundo datos provisionais, supera as 20 hectáreas.

Nel, participan un técnico, un axente, tres brigadas, tres motobombas, tres helicópteros e catro avións.

Outro lume en Laza , que comezou preto das cinco desta tarde, afecta a unhas 40 hectáreas en Castro de Laza e no seu control traballan dous axentes, sete brigadas, catro motobombas, unha pa, 4 helicópteros e dous avións.

Tamén en Laza, outro lume permanece activo na parroquia de Camba, desde esta madrugada e supera tamén as 20 hectáreas. Na súa extinción, participan cinco axentes, 10 brigadas, 3 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e tres avións.

Finalmente, o incendio declarado en Entrimo o pasado martes segue "controlado" tras queimar 2.800 hectáreas, das cales 700 son arboredos.

Na súa extinción, participaron un técnico, 61 axentes, 163 brigadas, 84 motobombas, 2 pas, 13 helicópteros e catro avións e colaboraron efectivos dos Grupos de Urxencias Supramunicipais e bombeiros comarcais.

Comentarios