Currás pide a ''rectificación'' dos que danaron a súa ''honorabilidade''

O outrora alcalde de Santiago e concelleiro do Concello Ángel Currás mostrou hoxe a súa "satisfacción" polo sobresemento da causa contra el e o seu antecesor no cargo, Gerardo Conde Roa, pola denuncia de acoso "moral" e "prevaricación" posta contra ambos polo exsubxefe da policía local José Antonio Carril.

O exrexedor da capital de Galicia asegurou que se fixo xustiza" porque o auto de arquivo da causa é "concluínte", tanto "nos razoamentos xurídicos como nas conclusións".

Currás pediu ademais unha "rectificación" a todos aqueles que danaron a súa "honorabilidade" e puxeron en dúbida a súa "lexitimidade", así como aos portavoces municipais do PSdeG e BNG, Francisco Reyes e Rubén Cela, respectivamente.

"Eu estiven tranquilo desde o primeiro momento. Agora espero que o señor Cela e o señor Reyes, quen durante case 24 meses utilizaron isto como unha estratexia de acoso e derriba, se teñen un chisco de vergoña, rectifiquen todo o dito co único fin de baballoar contra a miña persoa", indicou o exrexedor.

"Hai unha cousa moi clara en todo isto. Os que pretenderon danar a miña honorabilidade e pór en dúbida a miña lexitimidade, creo que agora terán que rectificar", engadiu Currás, quen realizou estas declaracións á conclusión do pleno extraordinario que se celebrou hoxe no Concello de Santiago.

Finalmente, a pesar da insistencia dos xornalistas por coñecer cal será o seu futuro, o político do Partido Popular non quixo confirmar nin desmentir se vai abandonar a corporación municipal.

Comentarios