O ex deán de Santiago declara como testemuña polo caso de extorsión

O exdeán da catedral de Santiago José María Díaz declarou hoxe como testemuña ante o xuíz José Antonio Vázquez Taín, que leva o caso da presunta extorsión da que foi obxecto.

Un home con residencia na Coruña, identificado como Fernando Sieira Maneiro, foi detido en Santiago e ingresou logo en prisión, acusado de intentar extorsionar o ex deán e tamén a baronesa Carmen Thyssen, neste caso en 2011.

José María Díaz acudiu esta mañá aos xulgados acompañado do cóengo e director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, e tras comparecer ante o xuíz Vázquez Taín optou por non facer declaracións aos medios.

Lorenzo atendeu os xornalistas para subliñar que deste asunto "non se pode dicir absolutamente nada", posto que está a ser investigado.

Despois de que o cabido da Catedral admitise o sábado que a chantaxe do que foi vítima o deán "repercutiu dalgún modo na súa saúde" e a preguntas dos xornalistas sobre que tal se atopa, Lorenzo subliñou que "mellor, pero como comprenderán, isto non é un prato de gusto para ninguén", máxime cando José María Díaz "é unha persoa de idade".

Reiterou que o ex deán debe agora colaborar neste asunto, o que a calquera persoa "tamén lle impresionaría", polas "molestias e enredos" que supón o caso, "pero nada máis".

José María Díaz era deán e arquiveiro custodio do Códice Calixtino no momento da súa subtracción, en xullo de 2011. Díaz dimitiu do seu posto de deán o pasado decembro, co manuscrito xa recuperado.

Comentarios