O director de PSA Vigo pasa á dirección de operacións en Europa

O ata agora director da fábrica de PSA Peugeot Citröen de Vigo, Juan Manuel Muñoz Codina, ocupará a partir do próximo mes de xuño o cargo de director de operacións industriais do grupo automobilístico en Europa, e será substituído polo ata agora responsable da unidade de montaxe, Yann Martin.

Codina, que substituirá a Jean Marie Dailland, que se xubila, no posto de coordinación de todas as fábricas de PSA en Europa, tanto de vehículos como de elementos mecánicos, trasladou hoxe estes cambios ao comité de empresa, informaron a Efe fontes coñecedoras do contido da reunión.

O vigués Juan Manuel Muñoz Codina asumiu a dirección de PSA Vigo a finais de 2011 en substitución de Pierre Ianni.

O seu cargo ocuparao a partir do próximo 1 de xuño outro francés, Yann Martin, quen se incorporou hai tres anos á fábrica de Balaídos procedente da de Rennes, onde foi director de calidade.

Os sindicatos colléronos por sorpresa estes cambios, aínda que valoran o ascenso dun vigués, e ademais director da planta galega, como "un recoñecemento ao labor" que nela se desenvolve.

Rubén Pérez, de UXT, cualificou de boa "noticia" que Codina pase a ocupar un posto de responsabilidade sobre todos os centros do grupo en Europa, a un nivel "onde se toman decisións importantes", sempre que nos coñece e sabe das nosas capacidades", dixo.

Comentarios