A Xunta dá luz verde ás Directrices de Ordenación do Territorio

O Consello da Xunta aprobou provisionalmente as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), un instrumento de planificación territorial que trata de transformar unha Galicia "difusa" nunha "cidade única e policéntrica que traballe en rede".

Así o explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen estivo acompañado do conselleiro de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, Agustín Hernández, para presentar unhas normas de ordenación espacial que chegan tras quince anos de traballos. "Chegan con atraso, sen dúbida", pero son "imprescindibles e inaprazables", dixo o titular do Goberno galego.

Agora, as directrices pasarán pola Cámara para recibir recomendacións e despois volverán ao Consello da Xunta. Nelas establécense catro niveis básicos de asentamento: as rexións e áreas urbanas -que suman o 62% da poboación-, o sistema urbano intermedio -os municipios entre 7.000 e 40.000 habitantes-, 24 nodos para o equilibrio do territorio e o resto de núcleos de importancia municipal. As áreas urbanas refírense aos espazos que rodean as sete grandes cidades de Galicia, mentres que se recollen dúas grandes rexións, a Ártabra e a das Rías Baixas, contorna á Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra.

Feijóo sostivo que estas normas son un "fío conceptual" que busca a ordenación de espazos para que persoas e empresas vivan "de forma armoniosa". Asismismo, recordou que a pesar de que Galicia foi a segunda autonomía en aprobar unha lei de chan, non tivo a mesma celeridade en desenvolver estas directrices, que foron aprobadas unha vez emendadas as inseguridades xurídicas detectadas.

Por iso, as normas veñen paliar a principal carencia que sufriu a comunidade galega nos últimos anos: "Fixemos unha Galicia difusa", por mor da gran cantidade de decisións tomadas de xeito illado, polo que agora é preciso recuperar o "tempo perdido para construír unha cidade única e policéntrica".

O proceso para o seu visto e prace comezara en 1995, coa aprobación no Parlamento da lei de ordenación territorial e atravesou unha dificultosa tramitación. Respecto diso, Feijóo explicou que as directrices manteñen o espírito dos traballos acomentidos polas anteriores administracións de Manuel Fraga e Emilio Pérez Touriño.

Comentarios