O Concello revisará a sentenza sobre Millán Astray para comprobar se se pode retirar a distinción de Franco

Os servizos xurídicos do Concello de Lugo revisarán a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que obrigou a devolverlle ao xeneral Millán Astray o título de Fillo Predilecto da Coruña para comprobar se hai posibilidades de retirarlle a Franco a distinción de alcalde honorífico da cidade.

En rolda de prensa, o alcalde socialista, José López Orozco, recordou que o Goberno local, cando o PSdeG-PSOE gobernaba en solitario, votou a favor da proposta presentada polo BNG para retirar esa distinción ao Caudillo, "como non podía ser doutro xeito, só amolaría", engadiu o rexedor local.

Con todo, logo de consultar co anterior secretario municipal os trámites administrativos a seguir para retirarlle esa mención honorífica a Franco, o letrado informou a López Orozco de que "é imposible quitarlle algo a alguén que non existe".

O alcalde dixo que "esa foi a súa conclusión" e o motivo polo que non se realizaron os trámites pertinentes para cumprir o acordo plenario que obrigaba ao Concello de Lugo a retirarlle a Franco a distinción de alcalde honorario.

Agora, López Orozco dixo que ten pensado falar cos seus socios de goberno do BNG para retomar este tema con axuda do novo secretario, para o que haberá que revisar "a sentenza do TSXG sobre Millán Astray, porque creo que pode ser importante".

En todo caso, quixo deixar claro que foi o Goberno actual, encabezado polo partido no que el mesmo milita, o que "fixo a Lei de Memoria Histórica" e o seu cumprimento "tamén figura no acordo de goberno" subscrito entre nacionalistas e socialistas para reeditar o bipartito no Concello de Lugo.

"Ninguén, poderán igualarnos, pero ninguén nos vai a gañar na defensa da memoria histórica, sempre sen rancor, pero aqueles que deron a vida polas súas ideas non poden ser escondidos", engadiu.

De todos os xeitos, o alcalde tamén aclarou que retirarlle a distinción a Franco non é a súa máxima preocupación, porque hai asuntos, "como o paro", que requiren neste momento moita máis atención por parte das administracións públicas.

Comentarios