O comité de folga de Emerxencias alerta de "gravísimos atrasos" nas chamadas ao 112

Apuntan que o traslado da sede á Estrada supuxo "que se disparen os tempos de espera e de resposta para a xestión"
El nuevo teléfono inteligente de Google, Pixel
photo_camera El nuevo teléfono inteligente de Google, Pixel

O comité de folga da central do servizo de Urxencias, que xestiona as chamadas do número de teléfono 112, recentemente trasladada ao municipio da Estrada, denuncia "o caos que están a provocar os constantes fallos do programa informático" e que xera "gravísimos atrasos".

Nun comunicado difundido polo sindicato CIG, o comité indica que a situación está "agravada pola insuficiente formación recibida polo persoal" na nova oficina, trasladada esta semana de Santiago de Compostela ao citado municipio pontevedrés.

O cambio xerou "que se disparen os tempos de espera e de resposta para a xestión" das chamadas de urxencia, segundo o comité de folga dos traballadores.

Os empregados están en desacordo coa decisión de trasladar ese centro de traballo e sinalan que a programación do cambio supuxo que, en ocasións, sexa "imposible xestionar os recursos necesarios para responder os tempos previstos as urxencias".

A nota apunta que a atención ás chamadas, que "antes levaba un minuto de media, agora está a chegar a demorarse ata cinco minutos" e precisa que as urxencias médicas "están a tardar dez minutos de media en chegar a comunicarse" coa central do 112, "o que traslada os atrasos a outros organismos de urxencia".

O comité alude no comunicado ao "estado de desesperación e ansiedade que este caos está a provocar en profesionais con ampla e probada experiencia".

"Ver a compañeiros saír chorando do seu posto de traballo pola enorme frustración que xera non poder atender as urxencias adecuadamente, sabendo que hai persoas alén do teléfono esperando a ser atendidas, que poden estar a sufrir unha dor grave, que poden estar a ser agredidas ou que poden querer alertar dun accidente ou un incendio, é desolador", apunta o comité.

Comentarios