BNG e PPdeG piden cifras concretas para apoiar o financiamento

Los representantes económicos de los partidos gallegos se reunieron con el conselleiro de Economía (AGN)
photo_camera Los representantes económicos de los partidos gallegos se reunieron con el conselleiro de Economía (AGN)

O BNG e o PPdeG criticaron este venres a falta de concreción e cifras do novo modelo de financiamento autonómico presentado o pasado martes polo vicepresidente Pedro Solbes, mentres que o PSdeG chamou ao consenso para lograr as mellores condicións para Galicia.

O conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, e os portavoces de economía dos grupos parlamentarios de PP, PSdeG e BNG, Carlos Aymerich, Xaquín Fernández Leiceaga e José Antonio Orza respectivamente, reuníronse para avaliar o documento.

Fernández Antonio destacou elementos positivos da proposta como a inclusión da dispersión e o envellecemento poboacional entre os criterios da repartición, así como a maior autonomía financeira. Ademais, explicou que ''Galicia contará con máis recursos económicos por habitante''.

Con todo, a oposición pediu cifras concretas para poder acudir o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), onde está previsto que as comunidades autónomas debatan multilateralmente a proposta, coas contas ben feitas.

Cifras concretas
O conselleiro de Economía defendeu a ''posición activa'' de Galicia na negociación e resaltou que ''o obxectivo é manter unha posición de país unánime'', para o que reiterou a súa chamada ao consenso.

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, mostrouse escéptico sobre o resultado da reunión. ''Seguimos no ceo dos conceptos abstractos e nós queriamos baixar ao chan das cifras concretas'', lamentou.

''Galicia ten que fixar o seu modelo e negociar bilateralmente co Estado'', afirmou, pensando na próxima reunión do CPFF, que augurou para finais de xaneiro. ''Todos estamos no mesmo barco, que é conseguir o mellor sistema financero para Galicia'', concluíu.

Coartar posibilidades
Fronte a isto, o portavoz do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, mostrouse confiado ''na capacidade do conselleiro de Economía e da Xunta para defender os nosos intereses'' e cualificou a reunión de ''moi frutífera''.

Sinalou ademais que o feito de acudir á negociación cunha cifra fixada non sería unha boa ''estratexia negociadora''. ''Moitas veces, pór números enriba da mesa é coartar posibilidades'', explicou en oposición ao defendido por Aymerich.

Premios menores
Desde o PPdeG, José Antonio Orza sinalou que o documento é ''ambiguo'' e falto de concreción, indicando que non presenta solucións ''ben definidas'' e alertou de que ''haberá Premio Gordo para uns (en alusión ás autonomías máis ricas) e outros terán que conformarse con premios menores''.

Criticou o 'popular' que a solidariedade interterritorial só se aplique á educación, a sanidade e os servizos sociais, deixando fóra temas como xustiza, vivenda ou infraestruturas, entre outros.

Para que o documento fose satisfactorio para o PP, sinalou, debería ter en conta o factor da emigración, contar cunha ponderación adecuada das variables básicas -non só idade e dispersión senón tamén climatoloxía e orografía- e, sobre todo, que Galicia ''non perda posicións relativas''.

Comentarios