O BNG reprobará a Juárez polas súas declaracións sobre o partido

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, anunciou hoxe que esta formación política pedirá a reprobación do delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, en Parlamento autonómico e no Congreso dos Deputados, e estudará medidas legais polas súas manifestacións sobre o BNG.

En rolda de prensa na Cámara galega, Vence, acompañado polo portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, subliñou que a adopción destas medidas será "inmediata" ante unhas declaracións de Juárez "mentireiras, calumniosas e insidiosas".

Juárez apuntou onte nunha entrevista que lle gustaría ver no BNG "unha condena máis clara e máis inequívoca" ao grupo Resistencia Galega, e igualmente considerou que no "caso de Jorquera", que foi expedientado xunto a outras sete persoas polas mobilizacións contra o desafiuzamento dunha anciá na Coruña, "o que se viu foi á Policía aguantando as acometidas duns bárbaros".

O portavoz nacional do BNG indicou que estas palabras son "irresponsables e improcedentes" nun cargo institucional como o do delegado do Goberno na comunidade autónoma e agregou que "bordean sen dúbida o legal" coa "estratexia do PP de crear un ambiente político absolutamente embarrado en Galicia".

Considerou que esta estratexia "moi equivocada" vai "na dirección oposta" ao labor responsable dun Executivo que está "empeñado en substituír a política pola policía, o debate democrático por argumentos gubernativos", e no "amedrentamento" e o "medo", ao ensinar "toda unha batería de medidas de carácter represivo e policial das que son capaces de facer uso".

Vence agregou que con estas medidas tamén se está tratando de criminalizar "á oposición" por canalizar o descontento social e, sobre todo, ao "principal grupo" que neste momento está "a facer dano" que é o BNG, subliñou.

Segundo o portavoz dos nacionalistas galegos, isto é unha "cortina de fume que fai apelacións a cuestións de tipo policial e gubernativo" para "tapar" os problemas económicos e sociais e "o desgoberno do PP en Galicia".

Por este mesmo obxectivo acusou tamén ao PPdeG de ''embarrar" a vida parlamentaria e "deturpar o funcionamento normal das institucións democráticas" coa súa proposta de reducir a 61 o número de deputados en Galicia. "Non imos amedrentarnos" nin o "BNG vai ceder", dixo Vence, que trasladou o apoio "pleno" tanto a Jorquera como aos demais expedientados no caso do desafiuzamento de Aurelia Rey.

Neste contexto, Jorquera indicou que as "irresponsables" palabras de Juárez son un "modo perfecto de manipulación" coas que pretende "amedrentar" e "criminalizar" o BNG, que non se vai a deixar dobregar", reiterou.

Sobre o seu expediente, defendeu que a convocatoria da plataforma Stop Desafiuzamentos contou con centos de cidadáns e desenvolveuse nun exercicio de desobediencia civil e resistencia pacífica, mentres o delegado do Goberno fala de violencia "e acometida duns bárbaros", recordou, palabras que ao seu xuízo pretenden "embarrar a vida política e social deste país".

Jorquera precisou que recibiu a notificación do seu expediente aberto por participar nesta protesta no que se lle impoñen 600 euros de multa por vulnerar a lei de protección de seguridade cidadá, e asegurou que iso entra en ''contradición" porque previamente un xulgado determinou a falta de motivación para abrir dilixencias contra el, entre outras persoas.

Ao seu xuízo, a finalidade desta "contradición" é que non se poida defender ante un xulgado "e recorrer á vía de tempos pretéritos como é a da sanción gubernativa".

Comentarios