O BNG recrea 'Os luns ao sol' para alertar sobre o desemprego en Galicia

Ana Pontón reclama empregos dignos e "un plan de choque" para cambiar a situación
Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recreou esta mañá de venres a viaxe en barco realizada polos protagonistas da película Os luns ao sol pola ría de Vigo, onde alertou sobre o paro en Galicia e reclamou empregos dignos.

Alí, escoitou en primeira persoa as experiencias de persoas afectadas pola precariedade e o desemprego e reclamou "un plan de choque" para finalizar cunha situación que, dixo, "segue creando dramas e desesperación na cidadanía".

"Queriamos rememorar Os luns ao sol, e os martes e os mércores de moitos parados deste país que ven como non son capaces de saír desa situación e atopar un emprego digno", expresou en declaracións aos medios de comunicación.


Ana Pontón falou do incremento da "desigualdade" e reclamou "un xiro radical ao que se está facendo"


Ana Pontón asegurou que este acto "simbólico" representa o "realismo fronte á propaganda de que todo vai ben" cando "hai centos de persoas cuxo día a día é o desemprego, a desesperación ou un emprego coas mínimas condicións".

Así, e "ás portas do 1 de maio", Día Internacional dos Traballadores, a portavoz nacional do BNG buscou "pór cara á realidade".

Executou "unha chamada de atención sobre o gran problema social" que supón o contar cunha "alta taxa de paro" e con "fenómenos como os traballadores pobres", consecuencia, ao seu xuízo, "das reformas laborais de PP e PSOE".

"Din que saímos da crise pero esa saída non se ve na rúa. En 2017 hai 16.000 persoas máis en paro en Galicia. A recuperación económica pode chegar aos que están no Ibex 35, pero non chega aos cidadáns a pé de rúa", lamentou.

Ana Pontón tamén falou do incremento da "desigualdade" e reclamou "un xiro radical ao que se está facendo desde o punto de vista económico e dos dereitos laborais".

Así, demandou "un cambio de rumbo na política económica e de creación de emprego" para Galicia e "unha aposta por un novo modelo de desenvolvemento produtivo, por crear emprego e por dar condicións de vida dignas á mocidade galega".

Comentarios