Un Parlamento alternativo fóra do hemiciclo

Os deputados do partido nacionalista denuncian a mordaza que se aplica na Cámara lexislativa autonómica

Os deputados do grupo parlamentario do BNG no Parlamento de Galicia trasladáronse este martes á rúa para escenificar unha sesión plenaria como sinal de denuncia da "mordaza" á que o Partido Popular, con maioría absoluta, somete á Cámara lexislativa autonómica. O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, afirmou neste "pleno alternativo", como o definiu, que "o Parlamento é do pobo galego", como se podía ler nun gran cartel despregado entre dúas árbores.

A "sesión plenaria" escenificada polo BNG nos xardíns situados na parte traseira do edificio do Parlamento congregou a máis dun centenar de persoas, principalmente afectados o conflito das participacións preferentes, colectivos anti-desafiuzamentos e contra a pobreza, representantes do sector pesqueiro ou xuvenís, entre outros. O deputado nacionalista dirixiuse desde un estrado ao auditorio, que o escoitaba sentado en cadeiras a modo de hemiciclo, para xustificar que esta iniciativa ten como desencadenamento a decisión da Mesa do Parlamento de "recortar" as iniciativas que poden ser defendidas en pleno polo grupo do BNG e de Alternativa Galega de Esquerda.

Unha decisión da Mesa, dixo Jorquera, que se adoptou dotándoa "dun falso revestimento de legalidade". "Coma se nun partido de fútbol se cambian as normas cando vai pola metade", indicou. "Atentando contra os dereitos dos grupos parlamentarios o que están a facer é atentar contra os dereitos do pobo galego; pór molestias para que as demandas da sociedade poidan ser debatidas no Parlamento", afirmou.

O portavoz do BNG denunciou "unha estratexia evidente por parte do PP de intentar anular o Parlamento galego. "Ao PP moléstalle calquera foro onde teña que ouvir voces críticas e propostas alternativas, e por iso utiliza a maioría absoluta como un auténtico rodete", dixo. Como exemplo, explicou que no pleno que se celebra este martes na Cámara debaterase unha proposición non de lei do BNG sobre un conflito laboral "no cal o BNG non poderá invitar aos afectados na tribuna do público e pola contra si vai haber invitados para que asistan a ese debate a proposta do PP".

Para rematar, Jorquera sinalou que esta "estratexia de anulación do Parlamento forma parte dunha estratexia global para recortar dereitos e liberdades no conxunto da sociedade galega". Como exemplo, o deputado nacionalista censurou a "campaña de represión" contra algúns colectivos que defenden os seus dereitos na rúa, "coséndoos a denuncias gubernativas". "Unha paranoia represiva", afirmou.

Entre os asistentes atopábase unha muller, Domitila, de idade avanzada e que se valía dun andador para poder camiñar, de quen, en ton irónico, o parlamentario dixo que "representa un clarísimo perigo para a seguridade pública". "Nada máis hai que ver a Domitila (afectada polas preferentes) para darnos conta de que a súa simple presenza representa unha alteración potencial da orde pública. Parabéns Domitila por loitar na rúa polos dereitos de todos", sostivo Jorquera á muller.

A deputada do PP Herminia Pouso lamentou, durante a súa intervención ao comezo do pleno na Cámara galega, a ausencia dos deputados do BNG, e afirmou que "debería ser a súa obrigación defender as súas propostas no Parlamento".

Comentarios