O BNG leva á Fiscalía os empadroamentos irregulares de Xinzo

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, remitiu á Fiscalía de Ourense as probas sobre o suposto empadroamento irregular do exdelegado de Medio Ambiente Agustín Prado Verdeal no censo de Xinzo de Limia. Prado Verdeal foi un dos casos denunciados por rexistrarse xunto a outros catro familiares no censo desta localidade que, segundo o BNG, se incrementou en 122 persoas de forma irregular.

"O caso de Xinzo é suficientemente claro e rotundo de que houbo unha alteración do censo electoral", asegurou Pérez Bouza os medios, antes de remitir a documentación ao fiscal para pedir que se depuren responsabilidades.

A Oficina do Censo Electoral enviou á Xunta Electoral Central o pasado mes de marzo os expedientes de 121 municipios nos que se detectaron posibles empadroamentos irregulares desde os comicios locais de 2007 e que non responderon os requirimentos de información realizados. Trinta e cinco destes concellos están situados na provincia de Ourense.

Os nacionalistas piden que se inicie unha investigación vía administrativa, ao sinalar que a Oficina do Censo Electoral aínda que "está a facer un traballo importante cos concellos de menos de 2.000 habitantes" tamén debería investigar os municipios de máis de dous mil "se se demostra claramente, analizando os datos, que hai unha fraude".

Con respecto ás declaracións do presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar, nas que sostiña que esta situación non é exclusiva de concellos gobernados polo PP, o nacionalista replicou que esta cuestión é allea aos municipios nacionalistas.

"As seis alcaldías que ten o BNG nesta provincia non fixeron ningún tipo de alteración no censo electoral" indicou, tras asegurar que desde o seu partido" someten a súa xestión á fiscalización única e exclusivamente dos veciños que residen nese concello".

Comentarios