O BNG dubida da viabilidade do proxecto dun porto deportivo en Xinzo

Deputados e senadores do BNG cuestionaron este luns en Ourense a viabilidade do proxecto náutico fluvial presentado hai un mes polo director de Portos de Galicia, en Xinzo de Limia.

Na devandita proposta, Portos comprometíase a estudar e elaborar un proxecto de viabilidade da proposta presentada polo concello de Xinzo para impulsar a navegación fluvial polo río Limia.

En rolda de prensa, o senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, a deputada no Parlamento galego Tereixa Paz e o portavoz municipal, Amador Díaz, denunciaron este luns o "insólito" deste proxecto, de momento sen orzamentar, e que os nacionalistas achacan a unha intencionalidade política por parte do alcalde, ante a proximidade das municipais.

Na súa intervención, a deputada Tereixa Paz destacou o "pintoresco" do anuncio realizado polo propio alcalde do municipio, primeiro porque foi froito "da improvisación" e segundo polo propia funcionamento de Portos de Galicia, que se encarga de actuacións "en portos marítimos" ou de interese xeral, que non é o caso de Xinzo.

Por iso, o senador Pérez Bouza anunciou que vai presentar unha pregunta no Senado para coñecer que hai de verdade neste anuncio, que segundo o nacionalista responde "máis á propia fantasía do alcalde que á realidade e necesidades urxentes do río".

Segundo Bouza, a situación actual do Limia esixe outro tipo de actuacións, como "asegurar o caudal mínimo" para evitar que se seque durante os dous meses de verán.

Ademais, Bouza esixiu que se realicen actuacións pendentes de executar por parte da Confederación Hidrográfica, de mellora de marxes do río Limia, e pediu a Medio Ambiente, que execute "con urxencia" catro regadíos, para evitar secado do río.

De forma paralela, Paz anunciou que vai presentar unha serie de iniciativas "para que se nos dea algún tipo de explicación".

Comentarios