O BNG denuncia o ''atraco'' ás familias galegas na xestión das autoestradas na Comunidade

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, asegurou que a xestión das autoestradas en Galicia é un "atraco" ás familias e ademais criticou a "dobre vara de medir" do Goberno central para o rescate das estradas.

Vence denunciou en conferencia de prensa o "aumento abusivo" das tarifas das autoestradas galegas, un incremento nos custos de circulación que considerou unha "explotación" aos usuarios, xa que debido ao elevado gasto que implica a circulación por elas obriga os usuarios a elixir outras vías "de deficiente calidade".

Vence destacou o importe que supón a autoestrada entre os tramos Ferrol-Tui (40 euros ida e volta) ou Santiago-Vigo (14 euros ida e volta), custos que, sinalou, unha familia cun salario de 1.500 euros non pode afrontar. Por iso, insistiu en que as peaxes da autoestrada en Galicia "expulsan" aos condutores a un "consumo esaxerado de tempo", así como a un incremento "na inseguridade" mentres que para as empresas concesionarias supón un "negocio garantido".

Vence apuntou que a pesar de que no período 2001-2012 os usuarios da AP-9 "apenas aumentaron" cando os beneficios da empresa concesionaria da autoestrada, Sacyr, aumentaron un 61%. Por iso, criticou que a construción da Autoestrada do Atlántico sexa pública, como as expropiacións por parte "do Estado", pero canto xa estaba case amortizada a "concesión é privada", ata o 2048.

Unhas cuestións que o portavoz nacionalista achacou á relación das empresas concesionarias co financiamento de partidos políticos, "en particular do PP", aseverou.

Vence tamén subliñou a existencia de peaxes "na sombra" noutro tipo de estradas como as autovías que presentan impostos "moi custosos" para o contribuínte, debido aos canons das empresas concesionarias, moi altos existan "ou non" usuarios das vías polo que sinalou que "a banca sempre gaña, as concesionarias sempre gañan''.

Por outra banda, Vence denunciou a dobre vara de medir, que segundo o nacionalista aplica o Ministerio de Fomento que "sen ningún criterio social" rescatará 9 autoestradas radiais madrileñas, que supoñen "unha ruína" xa que "non teñen uso".

Un rescate para o que Fomento desembolsará 4.200 millóns de euros, o que Vence tachou de ''escándalo" debido ao trato "especial" que teñen as estradas madrileñas "á conta de todo" o Estado español. E sinalou que cos recursos destinados ao rescate das estradas da capital poderíase facer gratuíta a autoestrada do Atlántico, o que comentou "si sería" un servizo público para estruturar o país "de norte a sur". En base a isto, opinou que detrás destas decisións hai "un auténtico pelotazo" das empresas concesionarias afíns ao PP como Sacyr, ACS ou Globalia.

O portavoz do BNG asegurou que continuarán os actos reivindicativos, como os que tiveron lugar este fin de semana en contra do aumento "abusivo" nas peaxes, que reiterou que tivo unha "moi boa acollida polos usuarios".

Comentarios