O BNG acusa á Xunta de non tomar medidas ante o baixo prezo do leite

O BNG denunciou este martes a "pasividade" do Goberno galego ante a situación de precariedade que padece o sector lácteo en Galicia. En vésperas das mobilizacións previstas desde os sindicatos agrarios, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez pidelle á Xunta que deixe de ''escudarse na industria láctea como causa do desarmamento do sector''.

A secretaria de organización do BNG, Montse Prado, criticou que a Xunta non reaccione ante os baixos prezos que sofren os produtores de leite a respecto da Unión Europea ou outras rexións do Estado, "cunha diferenza con outras comunidades autónomas de entre 7 e 8 céntimos de euro por litro de leite".

"Mentres que na Unión Europea o litro de leite págase a unha media de 32 céntimos o litro, en Galicia os produtores perciben 27,5 céntimos pola mesma cantidade", puntualizou Guillerme Vázquez e resaltou no 2009 o prezo do litro do lácteo era de 33 céntimos. Igualmente denunciou que a empresa Lactalis pague máis caro o lácteo en Francia que en Galicia e culpou ao executivo do PP de permitilo.

Esta situación de escaseza provocou, segundo a parlamentaria nacionalista, o peche de 1200 explotacións lácteas desde 2008 e a posta en perigo doutras moitas que, a pesar de estar asentadas, víronse obrigadas, a vender "por baixo dos custos de produción" ante a ''falta de apoio institucional desde a Xunta e do Goberno Central", puntualizou Vázquez.

Inacción

A "falta de actuación" do Goberno é, segundo Prado, a causa principal de que hoxe o litro de leite sexa 10 céntimos máis barato que no 2008. A portavoz do BNG argumenta que o vixente goberno contaba coas ferramentas necesarias ao comezar a gobernar para atallar a problemática do rural, que lles brindaban plataformas como a 'Mesa do leite', un istrumento de negociación colectiva, que se deixou de convocar co cambio de executivo.

"Máis que culpar á lexislación ou á industria do sector lácteo, a Consellería de Medio Rural e Feijóo deberían de actuar e adoptar medidas" afirma a delegada nacionalista e asegura que desde o BNG seguirán impulsando medidas para que o sector lácteo teña "a mesma consideración que outros sectores, que están a percibir grandes axudas" e evitar que as explotacións se vexan obrigadas ao peche e "acabar así, co rural galego".

Guillerme Vázquez criticou o silencio da consellería de Medio Rural e o feito de que o goberno non asuma ningunha responsabilidade, deixando aos gandeiros "nunha situación de desamparo", en palabras do líder nacionalista. Do mesmo xeito, afirmou que "se a industria fomenta a precariedade do sector lácteo é porque a Xunta llo permite".

Comentarios