O BNG considera que o alcalde de Xinzo ''non xoga limpo'' co censo

O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, e o portavoz en Xinzo de Limia, Amador Díaz, valoraron de forma "moi positiva" a admisión a trámite por parte da Fiscalía de Ourense da denuncia interposta por presuntas "irregularidades no censo electoral", porque "demostra que o alcalde de Xinzo non xoga limpo".

A Fiscalía abriu un proceso de investigación en relación cunha denuncia presentada polo BNG sobre o suposto empadroamento irregular no mes de decembro de 122 persoas, na súa maioría "vinculadas ao PP", entre as que se atopa o ex delegado de Medio Ambiente, Agustín Prado Verdeal.

Para o BNG, a admisión a trámite de devandita denuncia demostra que esta forza política "tiña razón en que en Xinzo se quere producir unha manipulación do resultado electoral por parte do alcalde para seguir na alcaldía a calquera prezo".

"O feito de que a Fiscalía abra un proceso de investigación e admita a trámite a denuncia é positiva porque demostra que o BNG é unha forza política seria que cando fai algún tipo de denuncia pública é porque ten probas de que pode estar a cometer unha ilegalidade", indicou Pérez Bouza.

Este martes o senador nacionalista presta declaración en calidade de testemuña ás 13 horas ante a Fiscalía polas denuncias presentadas, para ratificar as mesmas e achegar nova documentación, relativa a que "non só non recoñeceron que manipularon o censo senón que intentaron xustificalo cun erro administrativo que non se produciu".

Os nacionalistas recordan que nas pasadas eleccións o PP gañou por poucos votos, polo que "o feito de que esta xente apareza censada ao final pode acabar decidindo a alcaldía".

Segundo Bouza, "neste caso parece manifesto que o alcalde puido cometer delicto ao manipular o censo electoral cun fin claro de incidir no resultado das eleccións municipais", e por iso avogou porque o próximo 22 de maio os veciños de Xinzo lle dean ao alcalde, Antonio Pérez, "a primeira condena política, retirándolle a súa confianza".

Finalmente, lamentou que os órganos xudiciais "non fosen máis dilixentes á hora de impedir que estes okupas poidan votar o 22 de maio e incidir no resultado electoral".

"Esperemos que nin con estes 122 lles chegue para conquistar o poder", concluíu Bouza, alegando que este tipo de actuacións demostran "a catadura política" do actual alcalde.

Comentarios