O BNG pide máis autogoberno fronte ao ''españolismo cavernícola''

O BNG tamén saíu ao paso das "teses centralizadoras" pronunciadas por dous destacados membros do Partido Popular, o seu presidente Mariano Rajoy e o seu presidente de honra José María Aznar, nas que defenden unha reforma do Estado das autonomías.

Segundo se expresou este martes o voceiro dos nacionalistas galegos, Guillerme Vázquez, presentou o aumento do autogoberno como camiño para saír da crise, e pediu ao titular do Executivo galego, o tamén popular Alberto Núñez Feijóo, que actúe "fronte aos problemas, porque non é real que o Goberno de Galicia non poida facer nada" fronte á situación económica actual.

'Españolismo cavernícola' e a 'teoría do garavanzo'
As críticas ás palabras de Rajoy e Aznar, que, segundo Vázquez, son mostra dun "españolismo cavernícola", chegaron tamén desde as filas socialistas. O PSdeG instou recentemente á Xunta a apoiar unha reforma do Estatuto para que Galicia non quede atrasada na conquista competencial, e cualificou de "barbaridades" as declaracións dos dous líderes conservadores.

Agora, o BNG recorda que Feijóo "debe usar as competencias que ten, ter capacidade de gobernar e impulsar un maior autogoberno", así como avanzar na reforma estaturaria.

A este respecto, Guillerme Vázquez insistiu en que, na evolución histórica do Estado, os avances sociais coinciden cos avances conquistados desde Madrid, criticando que as voces que non ven ás nacións como a galega como unha prioridade, entre elas a do PP, aplican "a teoría do garavanzo de Fraga: iso do Estatuto non importa, senón resolver os problemas da xente", chanceou o nacionalista, quen lamentou que o modelo "case federalizante" do que se falaba hai pouco acabe de converterse nun problema. "O autogoberno, por moito que se empeñe Aznar ou a dereita económica, e agora parece que se suma Zapatero, lonxe de ser o problema é xustamente a solución", insistiu.

As demais comunidades si reforman os seus estatutos
Pola súa banda, o portavoz parlamentario da formación frontista, Carlos Aymerich, criticou que PPdeG e PSdeG queiran aplicar "o seu programa de máximos" e avanzar "en recortes sociais, endurecemento das condicións de vida das familias, a privatización dos servizos públicos e a recentralización de competencias", reprochando a Feijóo que non coloque entre as súas prioridades a reforma estatutaria, necesaria e urxente se se quere evitar a perda do rango alcanzado na Transición polo avance competencial de ata seis autonomías.

Hai só uns días, o PPdeG engadiu, por boca do seu portavoz, Antonio Rodríguez Miranda, un novo motivo --ademais da crise económica-- para que o texto aprobado en 1981 siga no caixón, o feito de que socialistas e nacionalistas manifesten as súas escasas esperanzas de alcanzar a reforma nesta lexislatura: "non sei se será o momento máis acertado para sentar cos líderes" da oposición, engadiu o número tres dos populares galegos. Mentres, o BNG insiste en que a "capacidade de decisión política" que os nacionalistas demandan para conflitos como o veto á construción naval-civil no estaleiro de Navantia-Fene ou as negociacións europeas en materia de pesca.

Comentarios