O BNG apraza a decisión sobre un posible goberno de coalición en Lugo

Máis de tres horas e media de debate non foron suficientes para que o Consello Local do BNG de Lugo adoptase unha decisión con respecto á posibilidade de formar un goberno "estable" de coalición co PSdeG-PSOE para os próximos catro anos, polo que os nacionalistas volverán reunirse o vindeiro luns.

O responsable local do BNG, Xosé Lois Devesa, recoñeceu na mañá deste mércores que boa parte do debate se centrou en analizar os "malos" resultados electorais na capital lucense, dado que houbo opinións diversas sobre as causas do desastre electoral que levou os nacionalistas a perder a metade da súa representación municipal.

En todo caso, Devesa deixou moi claro que no Consello Local se ratificou a decisión de non "facilitar nin por activa nin por pasiva a chegada do PP ao goberno de Lugo" e, fronte ás críticas do candidato popular, Jaime Castiñeira, dixo que dita postura "non é un capricho" dos nacionalistas.

Nesa liña, Devesa subliñou que a chegada do PP á Xunta supuxo a destrución dalgunhas das iniciativas que os nacionalistas se esforzaron por pór en marcha durante o bipartito.

Ademais, recordou que hai "moitos aspectos políticos e ideolóxicos" que impiden que o BNG deixe gobernar aos populares.

"Mallan a nosa lingua, mallan a nosa cultura e sitúanse frontalmente en contra dos dereitos sociais", subliñou o líder nacionalista.

Por outra banda, tamén para xustificar a decisión do BNG, Devesa recordou o "xogo sucio" que fixo o PP "nos últimos días de campaña", con anónimos que cuestionaban a xestión de socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo en termos "inxuriosos".

"Está moi ben pedir pan, pero tamén hai que dar trigo", dixo Devesa, quen tamén recordou que Castiñeira "ten mal perder" e que, finalizada a campaña, tamén se acabou o tempo "dos hooligans".

APOIO O COALICIÓN
Unha vez decidido que o BNG facilitará a toma de posesión do socialista José López Orozco como alcalde, agora os nacionalistas teñen que decantarse por entrar ou non nun hipotético goberno de coalición. Para iso, o vindeiro luns -día 6 de xuño- haberá unha nova reunión do Consello Local.

Desa reunión xurdirá unha proposta, que terá que ser ratificada ao día seguinte pola asemblea local nacionalista, na que estarán presentes todos os militantes.

Se a resposta a unha posible entrada no goberno é positiva, entón comezarían as negociacións cos socialistas.

ERROS NA CANDIDATURA
Con respecto á análise dos resultados electorais, Devesa confirmou que o consello local recoñeceu a existencia dalgúns erros "na conformación da candidatura", unha lista electoral da que quedaron fose os representantes de Esquerda Nacionalista (EN), os concelleiros Xosé Chorén e Anxo Laxe.

En todo caso, afirmou que na reunión deste martes "houbo un debate moi rico e moi interesante", do que saíu "a intención absolutamente unánime de recuperar a confianza neste proxecto colectivo".

"O BNG é unha fronte de partidos cun proxecto único. Temos que reforzar as cuestións que nos unen, que son moitas máis que as que nos dividen", subliñou Devesa en rolda de prensa.

Comentarios