O Concello nega á Deputación exencións fiscais para a UNED

O Concello de Lugo denegou hoxe as exencións fiscais solicitadas pola Deputación provincial para levar a cabo unha serie de obras de acondicionamento da nova sede da UNED na cidade.

A nova sede a UNED quedará instalada no antigo Hotel Miño, propiedade da Deputación de Lugo, cando terminen as obras de acondicionamento dese edificio para adaptalo ao seu uso académico.

O goberno bipartito da institución provincial, cuxos responsables afirmaron que a nova sede será un "referente" para a institución académica en todo o noroeste de España, presentou unha solicitude ante o Concello de Lugo para tratar de obter unha exención dos impostos municipais.

Con todo, esa solicitude presentada pola Deputación, que preside o socialista José Ramón Gómez Besteiro, foi denegada pola xunta de goberno local do Concello, cuxo alcalde é o tamén socialista José López Orozco.

"Denégaselle, aínda sendo a Deputación de Lugo, porque non hai dentro da ordenanza fiscal correspondente ningún elemento que permita conceder esa exención", precisou o portavoz do Goberno local e concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez.

Nese sentido, Álvarez afirmou que "sexa a Deputación provincial, ou sexa quen sexa, se non se axusta a dereito o que se pide, directamente non se concede", sexan "amigos, inimigos, achegados ou afastados", concluíu.

Comentarios