O alcalde e a tenente alcalde asumen as competencias dos concelleiros dimisionados

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, e o seu tenente de alcalde, Reyes Leis, asumiron hoxe a totalidade das competencias que tiñan delegadas os nove edís que dimitiron, mentres non se conforma un novo Goberno municipal, que espera estea pechado o vindeiro venres.

Para resolver o baleiro creado pola marcha de sete concelleiros que onte dimitiron por imperativo legal tras ser condenados por prevaricación, e outros dous de xeito voluntario, o alcalde compostelán ha decidido repartir as competencias dos dimisionarios entre el mesmo e a súa persoa de confianza.

O alcalde e Reyes Leis, os dous únicos concelleiros elixidos nas municipais que aínda seguen no Concello, distribúense así as tarefas deixadas polos edís inhabilitados por avalar o pago con fondos públicos da defensa dun compañeiro, Adrián Varela, imputado na operación Pokemon e que renunciou a pasada semana, así como da última saínte, a concelleira Rebeca Domínguez.

Ademais, outro decreto da alcaldía nomea membros da Xunta de Goberno os outros dous edís do PP que permanecen na corporación, relevistas de Albino Vázquez e Paula Prado, e que agora non formaban parte deste órgano.

O alcalde compostelán compareceu esta mañá nunha rolda de prensa na que inicialmente non estaba anunciada a súa presenza, un día despois de que anunciase a súa pretensión de completar un novo goberno local coa lista coa que o PP concorreu aos comicios e tamén de incorporar concelleiros non electos.

Currás sinalou que aínda non terminou as xestións para completar o Goberno, polo que dixo confiar en que proximamente se poida coñecer información ao respecto.

Preguntado por como asume a dimisión dunha nova concelleira, Rebeca Domínguez, que renunciou onte por sorpresa, Ángel Currás explicou que se trata dunha postura persoal.

Consultado polas súas palabras de onte, cando asegurou confiar en que hoxe tería pechados xa algúns nomes para conformar o seu goberno, o alcalde manifestou que non os confirmará ata que o fale e "contraste" co seu partido, o PP.

En todo caso, Currás, que onte apuntou a súa convicción de que pecharía en breve o remodelado executivo local, apuntou que previsiblemente esta semana vai estar pechado "con toda seguridade", aínda que insistiu en que non lle gusta dar prazos pero dixo querer que o "venres estea pechado".

Con todo, admitiu que os integrantes da lista teñen que resolver problemas laborais e profesionais para acceder ao Concello, polo que está á espera de que lle confirmen a súa dispoñibilidade e algúns non poderán facelo por non poder deixar o seu emprego. Ademais, confirmou Currás que tamén falou con outras persoas para incorporar a concelleiros non electos de perfil "técnico".

Sobre a presenza na candidatura da deputada en Cortes Marta González e o conselleiro Agustín Hernández, Currás sinalou que ambos teñen as súas responsabilidades. "Pero é un tema que falaremos e que neste momento, de ningún xeito está avanzado", precisou.

A excepcional situación do Concello mereceu un día máis as críticas da oposición. Así, o portavoz do PSdeG, Paco Reyes, reiterou a súa denuncia dunha situación "caótica" e ''de ingobernabilidade" no Consistorio, e indicou que quen está a garantir o funcionamento do "seu día a día" son os funcionarios.

Tamén o portavoz nacionalista, Rubén Cela, afirmou que o PP "volve confundirse ao deixar un alcalde dobremente imputado para pilotar un barco á deriva, que leva a cidade por diante", e cualificou de ''inaudito" que a capital galega estea gobernada por só catro edís.

Comentarios