O alcalde de Caldas pedirá a nulidade das actuacións xudiciais abertas contra el

O rexedor, que insiste na súa inocencia, confía en que se free así a súa expulsión do PSdeG. Asegura que se presentará ás municipais, aínda que o faga baixo outras siglas

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, solicitará a nulidade das actuacións xudiciais abertas contra el por un suposto delito de malversación de caudais públicos.

O rexedor confía en que se free así a súa expulsión do PSdeG -o que podería suceder esta mesma tarde-, partido ao que aspira seguir pertencendo ata a "morte".

Rey compareceu este luns ante os medios de comunicación acompañado por seis dos seus sete concelleiros para garantir que, pase o que pase, "haberá unha lista encabezada por Juan Manuel", en alusión a si mesmo e á posibilidade de que o faga baixo outras siglas.

O alcalde sentará no banco polo suposto pago, con fondos públicos, dunha multa xudicial que lle impuxeron.

Unha decisión da titular do Xulgado de Instrución 1 de Caldas que Rei considera "unha vergoña".

O rexedor fixo fincapé en que no dorso do auto que ordena a apertura de xuízo oral aparece o nome do primeiro edil de Pontecesures, Luis Álvarez Angueira, polo que cre que a xuíza, "no seu afán" de imputalo, "fixo un curta e pega doutra sentenza, doutro delito e doutro alcalde".

"Impútaseme que mandase algo, pero é unha opinión de nulo valor xurídico. Máis que unha opinión é unha vergoña", dixo Juan Manuel Rey, que reiterou que tanto a interventora como o tesoureiro e o rexedor en funcións no momento dos feitos (o tenente de alcalde) testificaron ao seu favor.

"Son todos universitarios e licenciados que me desculpan nítida e notoriamente", asegurou Rey, que incidiu en que "non hai nin un só testemuño, e creo que era o que buscaba a xuíza, que me incrimine. Non o houbo e creo que non o vai a haber".

Ademais, sinalou que a súa defensa entregou ao xulgado "xurisprudencia abundante sobre situacións máis onerosas que a miña con fallos favorables. Dá a sensación de que non serviron nin probas nin testemuños e de que non se leron a xurisprudencia", aseverou.

Juan Manuel Rey que cre que a decisión "xa estaba tomada" antes da súa declaración do 17 de marzo. "Creo que se riron de min e das testemuñas", lamentou.

TRABALLOS SOCIAIS. En sinal de protesta por "esta ignominia", o alcalde de Caldas realizará todos os venres traballos para o municipio.

"Varrerei, doarei sangue... o que sexa, pero quero que a quen corresponda revise isto, porque me sinto atracado", dixo.

Os seus traballos sociais comezarán mañá mesmo coa plantación de quince árbores na Carballeira de Caldas.

Mentres tanto, a defensa do alcalde porá en marcha as medidas destinadas a frear a apertura do xuízo oral.

A primeira será pedir a nulidade do xuízo, que terá que resolver a mesma xuíza, polo que Juan Manuel Rey xa prevé un recurso ante a Audiencia.

O rexedor socialista está incluso disposto a pedir o amparo do Tribunal Constitucional.

Comentarios