O avogado vigués detido por suplantación de identidade, baixo exame psiquiátrico

O avogado vigués detido por suplantación de identidade foi conducido a un centro médico da cidade para que se lle practique un exame psiquiátrico, segundo sinalaron a EFE fontes policiais.

A principal liña de investigación da Policía Nacional relacionada coa nova detención do letrado Gustavo García, acusado dun delito de suplantación de identidade, consiste en pescudar se é a persoa que se fixo pasar por médico e realizou tocamentos a varias pacientes do Hospital Xeral de Vigo.

Fontes da investigación confirmaron a Efe que esa é a hipótese que se manexa e en base á cal foi arrestado este profesional, que invocou o habeas corpus, aínda que o xuíz de instrución 4 de Vigo en funcións de garda rexeitouno.

A investigación trata de aclarar o sucedido o pasado 2 de novembro, cando un home simulou ser médico no citado centro hospitalario de Vigo e fixo tocamentos a polo menos unha paciente ingresada na unidade de Maternidade.

Segundo o relato da denunciante, un home de mediana idade que se identificou como médico e que utilizou termos técnicos inspeccionoulle o peito para comprobar se tiña mastitis, e foi logo, cando se marchou, cando soubo que non se trataba dun profesional sanitario.

A Policía iniciou unha investigación para tratar de dar coa identidade deste home a través do testemuño das persoas que o viron no interior do hospital -presentouse en varias habitacións da mesma unidade- e do visionado de imaxes do circuíto pechado de vídeo do propio centro sanitario.

O avogado foi arrestado o pasado xoves logo de quedar en liberdade con cargos esta mesma semana imputado por dous delitos de roubo con forza en senllos vehículos. A Policía Nacional arrestouno por orde xudicial nunha causa sobre a que se decretou o segredo de sumario.

Esta nova detención produciuse poucos días despois de que Gustavo García atribuíse o asalto ao seu despacho o pasado día 4 á "policía franquista", ao formar parte da causa aberta pola Xustiza arxentina polos últimos fusilamentos da ditadura como secretario da Fundación Galega Contra a Impunidade.

Comentarios