O 75% dos alumnos galegos ten un nivel medio en lingua e matemáticas

O 75 por cento dos alumnos galegos atópase en niveis intermedios de competencia lingüística e aproximadamente as tres cuartas partes acreditan ese nivel tamén en matemáticas, segundo apuntou o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez. Vázquez presentou en rolda de prensa os resultados do informe de Avaliación de Diagnóstico realizado pola Xunta en 2009 para medir estas competencias entre os alumnos escolarizados o pasado curso en 4º de primaria e 2º da ESO.

O titular de Educación sinalou que preto de 42.900 escolares galegos de 1.090 centros realizaron estas probas que mostran resultados "moi similares" tanto en competencias lingüísticas como nas matemáticas en ambos os niveis.

Así, o informe revela que mentres un 56 por cento dos alumnos de educación primaria sitúase en niveis de competencia lingüística medio-altos (niveis 3 e 4), un 25 por cento está en niveis baixos (niveis 1 e 2) e só un 8 por cento acredita nivel de excelencia (nivel 5). En competencia matemática, o 31,8 por cento dos alumnos de educación primaria atópanse nun nivel baixo, o 50,9 por cento nun nivel medio alto e un 7,2 nun nivel de excelencia.

Con respecto ao alumnado da ESO, os resultados mostran unha maior porcentaxe de alumnado en niveis baixos en detrimento dos medios altos, de modo que en competencias lingüísticas, Galicia ten un 40,8 por cento de alumnos en niveis baixos, un 50 por cento en niveis medio-altos e un 8,8 por cento en nivel de excelencia. En competencias matemática, hai un 44,5 por cento de alumnado en niveis baixos, un 48,3 por cento en niveis medio-altos e un 7,3 por cento está no de excelencia.

En conto ás diferenzas por xénero, o conselleiro sinalou que en competencia lingüística, as nenas avaliadas en educación primaria superan en 10 puntos á media obtida polos nenos, mentres que en destreza matemática son os nenos os que superan en 19 puntos ás nenas. Na ESO mantense esta tendencia de modo que as alumnas superan en 17 puntos á media obtida polos alumnos na comunicación lingüística, mentres que no caso das matemáticas os nenos alcanzan unha puntuación 22 puntos maior á media das alumnas.

O conselleiro subliñou a "homoxeneidade" que existe entre os centros educativos de toda a Comunidade e apuntou que non se detectaron diferenzas significativas entre as puntuacións medias das catro provincias galegas, o que "permite falar dun só sistema educativo galego que vai a un mesmo ritmo".

Datos da Ocde
Vázquez realizou tamén unha valoración dos resultados do informe do Programa Internacional para a Avaliación de Estudantes de 2009, coñecido como Informe Pisa, e destacou que en comprensión lectora o alumnado galego alcanzou 486 puntos de media, o que supón 5 puntos máis que a media española pero 7 puntos por baixo da media alcanzada polos países da Ocde que foi de 493.

No caso da competencia lingüística, os escolares galegos obtiveron 506 puntos que os sitúa por encima da media dos países da Ocde e da media española, de 501 e 488 puntos, respectivamente. Con respecto á competencia matemática, a media do alumnado galego é de 489 puntos, 6 por encima da media do Estado aínda que, sete menos que a media da Ocde.

O conselleiro mostrouse "contento" co cambio de tendencia detectada nos últimos anos aínda que subliñou a necesidade de seguir traballando coa fin de alcanzar "os máximos niveis de rendemento e de calidade" do sistema educativo galego e "liquidar os moitísimos defectos que aínda existen". Neste sentido, considerou "imprescindible" que as familias se involucren e sexan "parte activa" do proceso educativo para a obtención de mellores resultados.

Comentarios